Feijóo avoga pola complementariedade entre a investigación e a acción institucional para seguir combatendo as enfermidades desde unha fronte socio-sanitaria

“Mentres nos laboratorios se combate a enfermidade con proxectos que requiren tempo, as políticas públicas han de solucionar con actuacións urxentes, necesidades que son perentorias”, di
Por o 19/09/2018 | Sección: Xunta de Galicia
Feijóo avoga pola complementariedade entre a investigación e a acción institucional para seguir combatendo as enfermidades desde unha fronte socio-sanitaria
Compartir en:

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe pola complementariedade entre a investigación e a acción institucional para seguir combatendo as enfermidades desde unha fronte socio-sanitaria.

“Mentres nos laboratorios se combate a enfermidade con proxectos que requiren tempo, as políticas públicas han de solucionar con actuacións urxentes, necesidades que son perentorias”, dixo, durante o acto de inauguración do VI Congreso Internacional Enfermidades Neurodexenerativas da Fundación Centro de Investigación de Enfermidades Neurológicas (CIEN), no que acompañou á S.M a Raíña Dona Sofía.

Nesta liña, lembrou que xa en 2014 Galicia puxo en marcha a Estratexia de especialización intelixente entre cuxos retos figuraba un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo, co obxectivo de que a Comunidade se convertese nun faro internacional que achegase iniciativas, baseadas nas novas tecnoloxías, á autonomía persoal de maiores con discapacidade.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde recolle na súa Estratexia 2020 un capítulo especial dedicado á atención á cronicidade e o envellecemento poboacional. A través da Universidade de Santiago, Galicia participa activamente no Centro de Investigación Biomédica en Rede sobre Enfermidades Neurodexenerativas, mediante o Programa de investigación sobre enfermidade de Parkinson; e conta con tres institutos de investigación sanitaria con áreas orientadas ao envellecemento e as enfermidades neurodexenerativas.

“Dispoñemos de centros de referencia nacionais en esclerose múltiple, cirurxía de trastornos do movemento, epilepsia refractaria e enfermidades metabólicas conxénitas. E, non podemos esquecer a Fundación Galega de Medicina Xenómica dirixida polo doutor Carracedo”, resaltou, incidindo en que a igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva son os pivotes da actividade da Comunidade galega.

Nesta mesma liña, referiuse á intensa colaboración coa Federación de Asociaciones Gallegas de Alzhéimer, coa Federación Galega de Esclerose Múltiple e coa Federación Española de Párkinson. “O seu exemplo é un estímulo e unha esixencia constantes”, abundou, enxalzando o seu traballo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta quixo tamén dar as grazas á S.M. a Raíña Dona Sofía, “por seguir alentando o mellor que atesoura a nosa sociedade: a solidariedade, o esforzo colectivo, a fraternidade”.

Feijóo concluíu aseverando que elixir a capital de Galicia para acoller este sexto congreso supón un recoñecemento ao prestixio dos estudios de medicina na cidade, que se remontan a 1648. E un recoñecemento ao traballo investigador de centros radicados na comunidade, e ao esforzo de profesionais que fixeron de Compostela unha referencia mundial en diferentes especialidades médicas, e tamén nas enfermidades neurodexenerativas.