Feijóo compromete un futuro sustentable e competitivo para o sector galego da madeira

Incide en que o plan forestal, que a Xunta consensuará cos concellos e co sector, apostará por: fomentar a plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira; e racionalizar a superficie arborada ocupada polo eucalipto.
Publicado por o día 07/06/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo compromete un futuro sustentable e competitivo para o sector galego da madeira

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe un futuro sustentable e competitivo para o sector galego da madeira con dúas ferramentas clave: o novo plan forestal e a Axencia Galega da Industria Forestal. “Temos instrumentos, temos propostas e temos políticas”, aseverou.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo incidiu en que o novo plan, que a Xunta consensuará cos concellos e co sector, nace co fin de velar por que o aproveitamento da madeira na Comunidade se realice de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente, a través de diferentes actuacións como: fomentar a plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira; e racionalizar a superficie arborada ocupada polo eucalipto.

No tocante á Axencia Galega da Industria Forestal, Feijóo afirmou que a súa posta en funcionamento terá lugar neste primeiro semestre do ano e lembrou que este órgano estará centrado na competitividade do sector co obxectivo de garantir un futuro certo para sector e para os 70.000 traballadores.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego salientou que o sector galego da madeira está composto por máis de 80.000 propietarios forestais e 3000 empresas que facturan máis de 2000 millóns de euros e exportan máis de 770 millóns.

En relación á pregunta sobre a política de solo industrial do Goberno galego, Feijóo lembrou que: a Xunta reduciu o prezo do solo industrial entre un 30% e un 50%; por primeira vez na Comunidade hai posibilidade de pagar arredor de medio euro por metro cadrado e ano para instalar unha empresa ou unha fábrica; e, en total hai 1.600.000 metros cadrados de solo propiedade da Administración autonómica a disposición dos emprendedores.

Así mesmo, recordou que, ademais dos descontos e a adxudicación de solo en dereito de superficie, a venda nos dous últimos anos de máis de 810.000 metros cadrados.

“En definitiva, temos solo dispoñible e ferramentas para seguir traballando”, dixo, apelando á necesidade de contar coa colaboración dos concellos para unha rebaixa ou exoneración do 90% do IBI, do imposto sobre construcións e do imposto de actividades económicas para as empresas que se queiran instalar en Galicia.

Por último, e sobre os Orzamentos Xerais do Estado, o presidente da Xunta valorou que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma cun maior investimento por habitante -67% máis de gasto por habitante que a media española-. “E o total do investimento do Ministerio de Fomento na Comunidade é o 11% do total do que se inviste no país”, engadiu.