Feijóo convoca aos responsables dos principais partidos políticos galegos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus

O conselleiro de Sanidade xa tiña contactado coas distintas formacións para trasladarlles toda a información respecto á xestión levada a cabo
Publicado por o día 11/03/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Feijóo convoca aos responsables dos principais partidos políticos galegos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocou hoxe aos responsables dos principais partidos políticos galegos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus.

O titular do Goberno galego enviou unha carta a cada unha das formacións, na que propón que, ademais das actualizacións que irá facendo o conselleiro de Sanidade a cada partido político, se celebre unha reunión entre todos os responsables o vindeiro luns.

Feijóo realiza esta convocatoria consciente de que “a unión de esforzos é fundamental nunha crise sanitaria deste calado” –recolle a misiva- e, por este motivo, a principios desta semana o conselleiro de Sanidade xa lles trasladou ás formacións políticas as primeiras informacións que lle foron comunicadas a Galicia desde o Goberno central.

“Resultará útil poñer en común toda a información que nos traslade o Executivo estatal esta fin de semana, así como da evolución do virus en Galicia”, sinala na carta, referíndose a que o titular do Goberno central, Pedro Sánchez, convocou aos presidentes autonómicos a unha videoconferencia na que tratarán este asunto e que terá lugar este sábado.

Así mesmo, Feijóo lembra que no día de onte, na Comisión Interdepartamental creada na Xunta de Galicia para facer seguimento da evolución do COVID-19, avaliou as medidas adicionais plantexadas polo Consello de Ministros.