Feijóo deixa sen protección ao acivro abrindo moitos bosques a motoserras e eucaliptos

Por o 09/02/2018 | Sección: ADEGA,Medio Ambiente,Social
Feijóo deixa sen protección ao acivro abrindo moitos bosques a motoserras e eucaliptos

No DOG deste xoves 8 e aproveitando a modificación do Observatorio de Educación Ambiental, atopámonos coa sorprendente nova da derrogación do decreto que declaraba protexido ao acivro dende 1984.

Esta lamentábel feito sorprende pola forma e o contido. Primeiro, polo xeito subrepticio de modificar pola porta de atrás lexislación ambiental aproveitando unha norma que nada ten a ver, sen ter en conta aos organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Observatorio Galego da Biodiversidade). E despois pola falla de argumentos científicos e sociais que xustifiquen esta medida.

Un papel ecolóxico fundamental
O acivro (Ilex aquifolium, L.) xoga un papel fundamental na ecoloxía das comunidades boscosas e de montaña, representando unha valiosa fonte de alimentación para especies tan emblemáticas como o oso ou a pita do monte, hoxe ao bordo da extinción. As masas de acivro son ademais in hábitat de interese comunitario (9830 Bosques de Ilex aquifolium) e hai estudos que apontan á redución da súa superficie de distribución nos últimos anos.

Unha especie emblemática, respectada pola cidadanía
Resulta tamén inexplicábel a desprotección dunha das primeiras especies protexidas oficialmente (Orde do 10 de decembro de 1984,DOG nº 240, do 15 de decembro de 1984), tendo en conta que socialmente é moi valorada, e sendo xa un símbolo de conservación dos noso bosques e fragas. Para unha especie que a cidadanía coñece e respecta, vai a Xunta e a desprotexe.

Unha especie “paraugas” contra a motoserra e ao eucalipto
A protección do acivro servía tamén de paraugas para moitas outras especies dos nosos bosques e montes. Coa súa presenza e a obriga legal de respectar os exemplares, dificultaba o traballo das motoserras contribuindo a preservar carballeiras, soutos, faiais…

Con esta medida, a Xunta confirma o seu liderado na desprotección de hábitats e especies naturais e manda unha mensaxe moi clara ao lobby pasteiro-enertxético: xa hai un “atranco” menos para estender o seu negocio polos poucos redutos de bosque autóctono que aínda quedan.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.