Feijóo destaca a contribución de empresas como PSA aos bos indicativos económicos de Galicia

Salienta que a automoción se consolidou como o principal motor económico da Comunidade, no 2017: cunha facturación que equivale ao 14% do PIB, dando emprego directo a 20.800 persoas e cunhas exportacións por valor de 5.740 millóns
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de Galicia,Vigo

Feijóo destaca a contribución de empresas como PSA aos bos indicativos económicos de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a contribución de empresas como PSA aos bos indicativos económicos de Galicia.

Durante o acto de entrega do Premio Economía do Consello Galego de Economistas, Feijóo salientou que a industria da automoción se consolidou como o principal motor económico da Comunidade, no 2017: cunha facturación que equivale ao 14% do PIB de Galicia, dando emprego directo a unhas 20.800 persoas e cunhas exportacións por valor de 5.740 millóns de euros.

“O primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas saíu de Vigo; Benteler decantouse por Mos para abrir unha segunda factoría cun investimento de máis de 20 millóns; Toyota acaba de anunciar a súa intención de fabricar na planta de Vigo un novo modelo de furgoneta e o sector da automoción representa case o 20% do total das exportacións galegas ao exterior”, abundou, incidindo en que, se ben PSA foi unha oportunidade para Galicia, tamén a Comunidade foi unha oportunidade para a factoría de Balaídos.

Sobre este punto, salientou o compromiso da Xunta con PSA en materia de formación, reflectido nas axudas para a formación de case 1.900 traballadores. Ao que engadiu a terceira convocatoria de unidades formativas en empresas, que permanece aberta; e o Plan de formación específico para o sector, que está a permitir cualificar a 2.600 traballadores neste eido, a través dunha oferta de case 150 cursos.

Así mesmo, e ademais do apoio do Goberno galego ao esforzo innovador da automoción galega, con axudas nos últimos anos que suman 160 millóns de euros, o titular da Xunta precisou que neste 2019 mobilizaranse 70 millóns de euros entre máis de medio milleiro de empresas de todo o tecido industrial galego, para que poidan incorporar as novas tecnoloxías e desenvolver proxectos innovadores.

Logo de incidir en que traxectorias como a desta factoría certifican que Galicia pode e sabe dar acubillo a grandes éxitos empresariais, apostando por que esta Comunidade sexa unha terra aberta, e que xera novas oportunidades a través da estabilidade, Feijóo recordou que o sector da automoción en Galicia -un ecosistema que xa conta con 113 empresas, no que o centro de produción de PSA se sitúa como a segunda planta con maior produción de España-, contribúe en gran medida aos bos datos macroeconómicos que Galicia está rubricando. Así, o descenso interanual do paro no mes de decembro foi na Comunidade do 8,5%, mentres que na media de España estivo no 6,17%; no terceiro trimestre do pasado ano o PIB aumentou un 2,6%; e o dato interanual de afiliacións á seguridade social co que se pechou decembro foi dun 2,1%.

“Por todo isto, convócovos a que sigamos traballando xuntos: para seguir exportando talento galego; para seguir creando oportunidades; e para consolidar o crecemento da nosa economía”, concluíu, aproveitando o acto para dar a benvida ao novo director da planta de PSA Vigo, Ignacio Bueno.