Feijóo destaca a posta en servizo da totalidade da Autovía do Morrazo que achegará aínda máis a comarca a Vigo e Pontevedra e contribuirá a unha maior seguridade, mobilidade e competitividade

“Cumprimos coa palabra dada e hoxe a Autovía do Morrazo é unha realidade”, di, cun investimento de case 56 millóns para unha infraestrutura necesaria e demandada
Por o 21/06/2019 | Sección: Bueu,Cangas,Galicia,Moaña,Redondela,Vigo
Feijóo destaca a posta en servizo da totalidade da Autovía do Morrazo que achegará aínda máis a comarca a Vigo e Pontevedra e contribuirá a unha maior seguridade, mobilidade e competitividade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo destacou hoxe a posta en servizo da totalidade da Autovía do Morrazo que, libre de peaxe, acercará aínda máis a comarca a Vigo e Pontevedra e contribuirá a unha maior seguridade, mobilidade e competitividade da zona. “Entendíamos que era o noso deber mellorar as condicións de seguridade viaria, vertebrar o noso territorio, xa que para esta comarca conectarse con Vigo e Pontevedra é clave”.

“Cumprimos coa palabra dada e hoxe a Autovía do Morrazo é unha realidade” dixo. Cun investimento de case 56 millóns de euros para 11 quilómetros dunha infraestrutura que cualificou de “necesaria e demandada”, recordando que para acadar este obxectivo foi necesario realizar moitos estudos e superar ademais importantes atrancos.

Durante o acto de posta en servizo do terceiro treito desta autovía, Feijóo referiuse a esta obra como un exemplo de diálogo e de entendemento na procura da mellor execución dun investimento público. E, aseverou que a Autovía do Morrazo pasa a formar parte do compromiso do Goberno galego coa seguridade reflectido tamén nos máis de 220 quilómetros de vías de altas prestacións construídos –a meirande parte deles en plena recesión económica-; e nunha achega para este ano de máis de 65 millóns para a conservación e a seguridade viaria. “E queremos seguir facendo país co compromiso de que as autoestradas con peaxe sigan a ser as máis baratas de España e ,por iso, solicitamos ao Goberno central unha rebaixa das peaxes da AP-9 para as persoas que fan ida e volta no día”, engadiu.

O presidente do Executivo autonómico subliñou ademais que a Xunta culminará a posta en valor do Castro de Montealegre, mediante un novo proxecto de escavación que desenvolverá o departamento de Patrimonio Cultural. “E tamén desenvolveremos esa nova solución singular artellada pola Axencia Galega de Infraestruturas para garantir a total estabilización do noiro do ramal de Cangas desta autovía, que consistirá na execución dun falso túnel para evitar novos desprendementos”, engadiu.

E no eido da mobilidade, Feijóo referiuse tamén ao Plan de transporte metropolitano, reiterando o desconto nos billetes e a gratuidade nos desprazamentos para os menores de 19 anos e lembrou que neste verán iniciarase a obra da Estación Intermodal de Vigo, “á vez que conseguimos desbloquear o centro Vialia”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.