Feijóo destaca a construción da Autovía do Morrazo como o maior investimento en marcha en infraestruturas viarias que está a impulsar a Xunta de Galicia

Destaca a mellora na seguridade viaria, o incremento da competitividade económica e a mellora da calidade de vida que esta infraestrutura supón para a comarca do Morrazo, para a área de Vigo e para toda a provincia de Pontevedra
Publicado por o día 13/12/2017 na sección de Cangas,Galicia,Moaña,Vigo

Feijóo destaca a construción da Autovía do Morrazo como o maior investimento en marcha en infraestruturas viarias que está a impulsar a Xunta de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a construción da Autovía do Morrazo como o maior investimento en infraestruturas viarias que está a impulsar a Xunta de Galicia. “Unha obra que se está a facer da man desta comarca –engadiu, buscando o xeito de evitar o corte do último treito, preservando o patrimonio dos nosos devanceiros e dialogando e atendendo as cuestións que trasladan as decisións relevantes”.

Como proba da vontade de escoitar e de responder, o presidente da Xunta destacou a modificación do proxecto para conservar integramente o Castro de Montealegre, a través dunha singular solución única en España, consistente en desdobrar o túnel existente en lugar de construír un paralelo.


Así mesmo, resaltou a mellora na seguridade viaria, o incremento da competitividade económica e a mellora da calidade de vida que esta infraestrutura supón para a comarca do Morrazo, para a área de Vigo e para toda a provincia de Pontevedra.

Durante unha visita ás obras da autovía, Feijóo asegurou que o conxunto dos traballos que a Xunta e o Ministerio de Fomento están a desenvolver entre Vigo e Cangas, coa conversión en autovía do Corredor do Morrazo e a ampliación da ponte de Rande, conforman a maior e máis complexa transformación de comunicacións viarias levada a cabo en Galicia nos últimos 35 anos. Non só pola envergadura económica dos proxectos, que suman un investimento de 200 millóns de euros, senón tamén pola complexidade técnica que fai de ambos os dous proxectos auténticos retos para a enxeñaría civil.

Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou ademais que a Autovía do Morrazo é a representación máis emblemática da aposta sen precedentes que está a realizar o Goberno galego pola seguridade viaria. Un esforzo reflectido nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, cun incremento de máis do 30% das actuacións específicas destinadas a este fin; e que se plasma nun conxunto de actuacións como son os plans de sendas e a estratexia de eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes nesta lexislatura.

Feijóo concluíu constatando que o traballo que se está a realizar coa máxima intensidade permitirá poñer á disposición dos veciños da península do Morrazo, a vindeira primavera, máis do 65% da autovía, desde o enlace de Rande ata Meira-Moaña. Non en van, as obras nos primeiros 7 quilómetros están executadas en máis dun 60% e os traballos máis complexos, que se corresponden coas estruturas, están xa a máis do 80%: o viaduto da Moura está rematado; o viaduto da Mo encara a súa recta final; e, actualmente, os esforzos céntranse no viaduto de Rande e na ampliación do túnel de Montealegre, mentres van collendo ritmo tamén as obras do último treito.