Feijóo destaca que hoxe todos os estaleiros galegos teñen xa carga de traballo asignada e están en plena actividade

Subliña que en 2016 Galicia logrou adxudicarse 11 contratos dos 20 asinados por todos os estaleiros españois.
Por o 12/05/2017 | Sección: Naval,Vigo,Xunta de Galicia
Feijóo destaca que hoxe todos os estaleiros galegos teñen xa carga de traballo asignada e están en plena actividade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou este mediodía que, neste momento, todos os estaleiros galegos teñen xa carga de traballo asignada e están en plena actividade. Carga de traballo con destino a países como Perú, México, Noruega, Indonesia, Rusia ou Groenlandia, citou a modo de exemplo, facendo fincapé en que, pouco a pouco, os estaleiros galegos foron recuperando o interese de terceiros países ata encher a súa carteira de pedidos.

Durante unha visita ás instalacións de Factorías Vulcano, Feijóo afirmou que as perspectivas son hoxe ben distintas ás que se albiscaban poucos anos atrás. Non en van, en 2016 Galicia logrou adxudicarse 11 contratos dos 20 asinados por todos os estaleiros españois –un 55%-; 23 buques dun total de 60 contratados en España están a construírse nas gradas da Comunidade –máis do 38% dos pedidos a nivel nacional-; e a carga de traballo no conxunto dos estaleiros galegos ascende a 2600 millóns de euros.

“Imos, polo tanto, recuperando o liderado da construción naval en España”, dixo, ao que engadiu o esforzo que a industria naval galega está a facer por ser máis tecnolóxica e innovadora, e tamén por diversificar a súa produción.

O presidente da Xunta lembrou que a tendencia do sector naval actualmente é a especialización, de aí que na maior parte dos estaleiros galegos a alta tecnoloxía sexa xa unha ferramenta máis de traballo, co obxectivo de ofrecer un produto diferenciado en calidade, en prestacións e suxeito aos prazos pactados. “Porque innovar implica que as empresas armadoras de calquera país do mundo sigan atopando na industria naval galega o valor engadido da fiabilidade”, sentenciou, ao que engadiu que é, tamén, a forma de dirixir a produción cara a novos nichos de mercados como a renovación de flotas do sector pesqueiro ou a fabricación de embarcacións como a que Vulcano xa ten en carteira.

Un sector de vangarda

Durante a súa intervención, Feijóo destacou a necesidade de que un sector tradicional en Galicia sexa tamén un sector de vangarda.

Nesta liña, cómpre destacar o Plan de formación sectorial que aprobou o Goberno galego para incorporar unha oferta formativa adaptada á realidade do sector; un sector que, ademais, nos últimos catro anos conseguiu recuperar máis de 2200 empregos perdidos durante os anos máis duros da rise.

No tocante ao ferry que se acabará de construír nas gradas de Vulcano, destacar que, con 139 metros de eslora, contará con capacidade para 1500 pasaxeiros, 450 vehículos e 600 metros liñais de carga, e disporá dos últimos avances tecnolóxicos no campo da eficiencia e o respecto ao medio ambiente.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.