Feijóo destaca o bo momento da vela galega reflectido nos seus éxitos mundiais e nunha canteira excepcional con máis de 2.000 federados

Lembra que a vela é a cuarta modalidade deportiva con máis representantes olímpicos galegos. “E, se repasamos o medalleiro, é a segunda disciplina deportiva que máis ouros achegou á Comunidade”, di
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

Feijóo destaca o bo momento da vela galega reflectido nos seus éxitos mundiais e nunha canteira excepcional con máis de 2.000 federados

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o bo momento que atravesa a vela galega reflectido nos seus éxitos mundiais e nunha canteira excepcional con máis de 2.000 galegos federados para practicar este deporte, dos cales 27 teñen a consideración de deportistas de alto nivel.

Durante a entrega de trofeos no marco da Gala da Vela Galega 2017, Feijóo lembrou que a vela é a cuarta modalidade deportiva, tras o atletismo e outros dous deportes náuticos, como son o remo e o piragüismo, con máis representantes olímpicos galegos: dez, en total. “E, se repasamos o medalleiro, a vela é a segunda disciplina deportiva que máis ouros achegou á Comunidade: un en Pequín 2008 (clase Tornado) e outro en Londres 2012 (clase Elliott 6m)”.

Para manter vivo o espírito da vela, o titular do Executivo autonómico salientou que o ano pasado a Xunta impulsou que, por primeira vez, un instituto público impartise ensinanzas de vela: o IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa. Este centro, xunto co Centro Galego de Vela, impartirá este curso e o próximo as ensinanzas deportivas de grao medio de vela con aparello fixo e con aparello libre.

Así mesmo, destacou tamén os dous grandes campionatos que se organizan na Comunidade como son o Campionato do Mundo de Esnaip, que reuniu en agosto na Coruña a 350 regatistas de 20 países; e o Campionato de Europa de J70, que se celebrará en Vigo no próximo mes de xuño.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que se Galicia é hoxe unha referencia na vela, é grazas tamén aos que o deron todo por este deporte, referíndose a José María Domínguez Oliveira, “un home de mar, un home da ría de Arousa e un traballador incansable do Centro Galego de Vela”.

O titular da Xunta mostrouse convencido de que neste 2018 “poderemos prolongar a senda de títulos que logramos en 2017”, con sete campións do mundo: Pablo Cabello e Javier Lago na clase Vaurien; Martin Wizner e Pedro Ameneiro, na clase 420 sub-17; e Pedro Campos, Alberto Viejo e Roi Álvarez na clase seis metros, aos mandos do Bribón.

Feijóo concluíu destacando o compromiso do Rei Don Juan Carlos con este deporte, que o converten no grande embaixador da vela española. “A súa paixón por este deporte contribuíu a que a vela do noso país adquirise a relevancia que ten hoxe”, dixo, trasladándolle o seu agradecemento.

Nesta mesma liña, resaltou tamén o labor da Infanta Elena que desde a Fundación Mapfre impulsou o Centro nacional de vela adaptada de Sanxenxo, o que permite compartir o amor por este deporte a moitas persoas con discapacidade.