Feijóo destaca o labor dos galardoados cos Premios da Cultura Galega para labrar unha cultura que une, “tecedora de fíos entre persoas e pobos”, e que está firmemente arraigada na terra

Incide en que “a democracia necesita a cultura porque creacións culturais, como as que hoxe celebramos no mosteiro de Montederramo, son ese nexo que unifica ás xentes ao redor das experiencias asociadas”
Por o 11/01/2019 | Sección: Cultura
Feijóo destaca o labor dos galardoados cos Premios da Cultura Galega para labrar unha cultura que une, “tecedora de fíos entre persoas e pobos”, e que está firmemente arraigada na terra

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o labor dos galardoados cos Premios da Cultura Galega para labrar unha cultura que une, “tecedora de fíos entre persoas e pobos”, e que está firmemente arraigada na terra.

“O gran milagre da creación cultural é transformar unha inspiración que moitas veces é individual e solitaria, en algo que comparten innumerables lectores, espectadores ou ouvintes”, dixo, durante o acto de entrega dos premios, incidindo en que os homes e mulleres da cultura teñen un privilexio do que carece calquera outra ocupación: sintetizar nunha peza musical, nun libro, escultura ou documental, pensamentos que son patrimonio común e que, sen a mediación cultural, se perderían.

Deste xeito, subliñou que boa parte da nosa historia sería un feixe de sucesos inconexos sen o traballo de Ramón Villares. “Alguén falou dos pobos sen historia, pero grazas a historiadores e investigadores coma el sabemos que Galicia ten historia e ten peso na historia”, aseverou, lembrando o esforzo “teimudo” que Ramón Villares fixo desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega para a proxección exterior da cultura do país.

Así mesmo, resaltou que esa función catalizadora dos creadores culturais é ben patente na Roda. “É a súa unha reivindicación da música natural, espontánea que xorde da necesidade de estar xuntos. Ao redor das súas cancións hai sempre unha Galicia en miniatura que se agrupa como fixeron durante séculos os nosos devanceiros”, precisou.

No tocante a Antón Santamarina, precisou que o noso idioma chega ao ensino da súa man. “Este lingüista fundamental para entender o rexurdimento da nosa fala común, rompe ese muro que afastaba o galego das aulas. O idioma da alma galega convértese en ferramenta da aula galega que empeza a nacer coa etapa preautonómica”, sentenciou, afirmando que Galicia lle debe moito aos homes e mulleres que neses momentos nos que se configura a Galicia de hoxe, promoven unha lingua entendida como casa común, como ponte e camiño.

“Algún día Cannes tentará imitar a Cans. Pero sen éxito”, sentenciou sobre este festival que se expande por adegas, galpóns e casas particulares para mostrar as mellores producións galegas. Ademais de referirse tamén ao traballo da asociación O Sorriso de Daniel, que vela pola Galicia románica, unha das etapas de esplendor do noso país.

“Luz Darriba rodeou a muralla de Lugo de palabras contidas en máis de medio millón de libros, conseguindo que fose declarada pola Unesco Patrimonio da Humanidade; gústalle facer dos libros un exército pacífico e lúdico que fai resaltar monumentos e serve de ferramenta de loita contra a discriminación e a violencia, innegables, que sofren as mulleres. E moitos e valiosos son os libros que Xosé María Álvarez Cáccamo ten achegado á literatura galega. Poesía, relato breve, teatro, investigación, literatura infantil. As súas páxinas danlle un selo de continuidade no tempo a inquedanzas galegas que esperan a pluma ou a tecla axeitada para manifestarse”, engadiu, referíndose tamén ao Festival de Outono de Teatro-Fiot, unha cita das artes escénicas eloxiada polo Observatorio da Cultura de España, e sobre todo, recoñecida polos 10.000 espectadores e participantes anuais.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención facendo fincapé en que a democracia precisa dun pobo capaz de facer e sentir cousas en común. “A democracia necesita a cultura porque creacións culturais como as que hoxe celebramos no mosteiro de Montederramo, son ese nexo que unifica as xentes ao redor das experiencias asociadas. Galicia sábeo porque moito antes de que os galegos gozasen dunha cidadanía política ou administrativa, tiñan xa unha cidadanía cultural que fixo deles un gran pobo”, explicou, dando as grazas “a todos e todas por labrar unha cultura que une e que está firmemente arraigada na terra como este mosteiro de Montederramo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.