Feijóo destaca que fronte á crise Galicia elixiu actuar, propoñer, xuntar vontades e axudar a configurar o mellor escenario financeiro posible para a Comunidade

Asevera que os axentes económicos, sociais, empresariais e políticos da Comunidade acertaron ao apostar por un mapa financeiro plural e competitivo no que ten cabida unha entidade como Abanca, radicada en Galicia e con expansión por terras veciñas
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Xunta de Galicia

Feijóo destaca que fronte á crise Galicia elixiu actuar, propoñer, xuntar vontades e axudar a configurar o mellor escenario financeiro posible para a Comunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte que fronte á crise, Galicia elixiu actuar, propoñer, xuntar vontades e axudar a configurar o mellor escenario financeiro posible para a Comunidade.

Durante a presentación do libro Se vende banco por 1 euro, de Manuel Medina, Feijóo aseverou, deste xeito, que os axentes económicos, sociais, empresariais e políticos da Comunidade acertaron ao apostar por un mapa financeiro plural e competitivo no que ten cabida unha entidade como Abanca, radicada en Galicia e con expansión por terras veciñas como Asturias, León ou Portugal.

Nesta sentido, afirmou que a crise bancaria chega a Galicia confirmando algo que algúns negaban: a Comunidade galega forma parte do mundo global, non é un territorio illado á marxe das grandes correntes e das grandes convulsións, e o seu sistema financeiro vese sacudido polas turbulencias externas e as daniñas xestións internas que narra Manuel Medina no seu libro.

Feijóo concluíu incidindo en que coa crise aprendemos a necesidade de que política e a economía formen parella, de que non vale a idolatría económica nin a política. “Nin todo hai que deixalo en mans da economía, nin todo hai que fiarllo á política”, dixo, facendo fincapé en que ambos os condimentos son imprescindibles para estar sempre previdos. “Nunha democracia política e nunha economía libre, os pobos e os seus gobernantes nunca poden dicir ‘chegamos’. A fortaleza do noso sistema de convivencia non está en chegar, senón en seguir, afrontando novos retos, superando novas probas e facendo provisión de novas enerxías”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que o traballo de Manuel Medina permite aos políticos ter unha visión de conxunto que en aqueles momentos complicados era difícil de lograr. “E indica que se pode aprender do sucedido, evitando erros e explorando novas alternativas”, dixo, ao que engadiu que tamén estaremos previdos contra un dos males que se apuntan neste libro: a compracencia.