Feijóo destaca que o eido vitivinícola é un sector tradicional que emerxe e propón seguir avanzando con máis calidade, innovación e exportacións

Garante o apoio do Goberno galego na aposta decidida pola calidade, coa posta en marcha da Axencia de Calidade Alimentaria
Por o 04/03/2019 | Sección: Arbo,Galicia,Xunta de Galicia
Feijóo destaca que o eido vitivinícola é un sector tradicional que emerxe e propón seguir avanzando con máis calidade, innovación e exportacións
Compartir en:

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o eido vitivinícola é un sector tradicional que emerxe e propuxo seguir avanzando con máis calidade, innovación e exportacións.

Durante unha visita ás novas instalacións da adega As Laxas, Feijóo garantiu o apoio do Goberno galego na aposta decidida pola calidade, coa posta en marcha da Axencia de Calidade Alimentaria, tanto en forma de axudas aos produtores como en controis da calidade da produción. Así mesmo, subliñou que, ademais do apoio das denominacións de orixe, o sector conta coa marca Galicia.

Co obxectivo de seguir mellorando a cadea de transformación e comercialización para adaptar os produtos ás demandas dos consumidores, Feijóo aseverou que o sector do viño é un referente neste eido, como proba o feito de que en bodegas como esta, a capacidade de embotellado chegue aos 8.000 litros/8 horas; e a produción sexa de cerca de 600.000 litros.

Nesta liña, reiterou o plan da Xunta de poñer en marcha unha aplicación de xestión da contabilidade vitivinícola, que permitirá ás empresas do sector xestionar a contabilidade que se leva nos libros-rexistro das adegas, substituíndoos por libros dixitais.

En relación á necesidade de abrirse ao maior número de mercados posibles, o titular do Executivo autonómico resaltou que o viño é o sector agroindustrial máis exportador, especialmente no caso da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O presidente do Goberno galego incidiu en que todos os sectores sen excepción están chamados a modernizarse a través das novas formas de fabricación e dos novos mercados. E aseverou que nese camiño sempre contarán co apoio da Administración autonómica. Así, concluíu sinalando que a Xunta seguirá apoiando aos emprendedores que ven no rural unha alternativa para prosperar, un lugar axeitado para seguir investindo e que teñen demostrado que o rural pode ser unha opción rendible para o futuro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.