Feijóo destaca o traballo das brigadas e fai un chamamento á colaboración cidadá ante a actividade incendiaria homicida

Salienta o traballo dos brigadistas: “Quero mandarlles unha mensaxe de agradecemento pola súa profesionalidade. Sabemos o que están a facer, o que están arriscando e estamos orgullosos do seu traballo”.
Publicado por o día 15/10/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente

Feijóo destaca o traballo das brigadas e fai un chamamento á colaboración cidadá ante a actividade incendiaria homicida

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo das brigadas e fixo un chamamento á colaboración cidadá ante a “actividade incendiaria homicida” que está a sufrir Galicia. “Están bordeando o homicidio”, aseverou sobre os incendiarios, facendo fincapé na importancia da colaboración cidadá na loita contra os lumes, xa que “ante calquera persoa sospeitosa de producir lumes como os desta madrugada, con máis de 28 focos en horas nocturnas, é preciso avisar á Policía, á Garda Civil ou á Xunta”.

Logo dunha reunión hoxe, no Centro de Coordinación de Incendios, co coordinador de incendios, co delegado do Goberno e co tenente coronel da UME, Feijóo puxo tamén en valor o traballo que están a desenvolver os brigadistas. “Somos conscientes de que nalgúns momentos se están xogando a vida, traballando en situacións límite. E quero mandarlles unha mensaxe de agradecemento pola súa profesionalidade. Sabemos o que están a facer, o que están arriscando e estamos orgullosos do seu traballo”.

O titular do Goberno galego referiuse tamén ás condicións climatolóxicas adversas que está a vivir Galicia desde o verán e que se están a intensificar debido ao furacán Ophelia, cun incremento do vento, que fai que os lumes incontrolados de Portugal pasen á Comunidade. “Estamos a falar dunhas condicións que na última década nunca se viviran”, dixo, ao que engadiu que Galicia seguirá loitando con todos os medios contra os incendiarios, contra os lumes que entran de Portugal e ante unha previsión de incremento do vento na costa.

Diante desta situación “difícil e complexa”, Feijóo destacou o traballo que se está a realizar nos centros de coordinación de cada provincia e no centro de coordinación central e, “hai outro centro de coordinación que está desprazado en Pazos de Borbén , onde está a conselleira do Medio Rural e o vicepresidente”. “Estamos en contacto co ministerio do Defensa, co ministerio do Interior e tamén coa ministra de Agricultura e Medio Ambiente”, abundou, ao que engadiu que, ademais dos 300 efectivos e medios que agora mesmo ten a UME e das brigadas da Xunta, brigadas municipais, de bombeiros comarcais e de bombeiros urbanos nalgún caso, se contará tamén con efectivos da UME de Valencia, de Madrid e de Zaragoza, “e esperamos que xa de madrugada poidamos reforzar ata 500 efectivos da UME para proseguir nesta tarefa de extremada dificultade”.

Nesta liña, Feijóo concluíu insistindo en que se está a traballar fronte a tres grandes riscos: “Unha actividade incendiaria absoluta, con 147 lumes desde o venres. En segundo lugar, estamos baixo uns efectos climatolóxicos moi adversos, cunha seca continuada e persistente e ademais ventos cada vez máis intensos. E, por último, temos un problema engadido, que son os lumes que veñen de Portugal”.