O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausurou o serán do domingo o Vigo Seafest Festival Arvi do Peixe e destacou que consolida a Vigo como capital europea da pesca. Este evento forma parte dos 48 proxectos que engloba o Plan Blue Growth do Porto de Vigo, unha estratexia que pon en valor a importancia dos nosos mares como motores dunha economía europea máis intelixente, progresiva e integradora.
O titular do Goberno galego afirmou que o Vigo Seafest é unha iniciativa para poñer á cidade no punto central da axenda gastronómica e que sexa “un lugar para atraer turismo e que estea dentro do calendario de festas de Galicia”. Ademais, sinalou a necesidade de poñer en valor todos os produtos do mar porque, dixo, “temos unha excelente materia prima”.
O presidente destacou que a través deste evento se difunde o peixe como un alimento con gran valor nutricional e se promociona entre a xuventude. Ademais, subliñou que con eventos coma este se pecha a cadea de valor do peixe: “non só pescamos, non só comercializamos, non só transformamos, senón que tamén o convertemos en produtos gastronómicos”.
Tamén destacou a importancia do sector para a cidade que, dixo, “xunto co naval e a automoción son as tres grandes industrias de Vigo”. Engadiu que esta industria dá traballo a case 30.000 persoas só na cidade. O presidente da Xunta concluíu felicitando aos organizadores, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo