Feijóo felicita ao director de cine Oliver Laxe polo premio do xurado no festival de Cannes, “un fito para Galicia e o audiovisual galego”

Gaba a traxectoria deste director que, coa película O que arde, acadou esta distinción no prestixioso festival, onde xa fora galardoado co premio Fipresci da Quincena de Realizadores e co gran premio da Semana da Crítica con Mimosas
Por o 05/06/2019 | Sección: Cultura
Feijóo felicita ao director de cine Oliver Laxe polo premio do xurado no festival de Cannes, “un fito para Galicia e o audiovisual galego”
Compartir en:

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao director de cine Oliver Laxe as felicitacións polo Premio do Xurado no Festival Internacional de Cine de Cannes, “un fito para Galicia e o audiovisual galego”.

Durante o encontro, Feijóo gabou a traxectoria deste xove director que, coa película O que arde, acadou esta distinción no prestixioso festival, onde xa fora galardoado en 2010 co premio Fipresci da Quincena de Realizadores con Todos vós sodes capitáns e en 2016 co gran premio da Semana da Crítica con Mimosas.

Ao longo do encontro, o responsable do Executivo autonómico aseverou que o éxito de Oliver Laxe reflicte a fortaleza do sector audiovisual galego que conta cunha estrutura forte e profesionalizada, competitivo no escenario nacional e tamén no internacional.

Neste camiño, asegurou que o sector seguirá contando co apoio da Xunta de Galicia: promocionando o talento, a través de iniciativas pioneiras que buscan contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual e impulsando a presenza do audiovisual galego en mercados internacionais.

Así mesmo, destacou o apoio ao desenvolvemento da actividade da industria audiovisual xa desde o proceso previo á produción e rodaxe de novas longas cinematográficas e produtos televisivos nas seguintes modalidades: longametraxes, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

Comentar noticia

Your email address will not be published.