Feijóo incide na proposta de que os médicos de familia e pediatras que se formen en Galicia conten, inmediatamente despois de finalizar o MIR, cun contrato de 1 a 3 anos

Recorda que desde o 1 de xaneiro os médicos do Sergas cobrarán de media un 6% máis, e avanza tamén a ampliación da idade de xubilación ata os 70 anos, así como a creación dun director de Atención Primaria en todas as xerencias de saúde de Galicia
Por o 19/12/2018 | Sección: Sanidad
Feijóo incide na proposta de que os médicos de familia e pediatras que se formen en Galicia conten, inmediatamente despois de finalizar o MIR, cun contrato de 1 a 3 anos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe na proposta de que todos os médicos de familia e pediatras que se formen en Galicia conten cun contrato de 1 a 3 anos inmediatamente despois de finalizar o MIR.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo reiterou o compromiso da Xunta coa Sanidade pública e cos seus profesionais, aseverando que, do mesmo xeito que se pactou a carreira profesional, “pactaremos as medidas que sexan necesarias para mellorar as axendas dos médicos en Atención Primaria, as súas substitucións, a súa estabilidade, as súas retribucións e os contratos.

Nesta mesma liña, e logo de recordar que desde o 1 de xaneiro os médicos do Servizo Galego de Saúde cobrarán de media un 6% máis, avanzou tamén a ampliación da idade de xubilación ata os 70 anos, así como a creación dun director de Atención Primaria en todas as xerencias de saúde de Galicia.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico subliñou que en 2019 a Sanidade pública galega contará cun orzamento de 4000 millóns de euros, “o máis grande desde que existe o Sergas”, como proba do compromiso coas prestacións sanitarias, coas capacidades dos facultativos e cos servizos aos paciente.

Ao respecto, subliñou que en materia de infraestruturas se levan construídos 54 centros de saúde, cun investimento de 110 millóns de euros e se construirán ou ampliarán 20 centros máis de xeito que, ao final da lexislatura, a Comunidade contará con 82 centros de saúde novos ou ampliados para 700.000 galegos.

Así mesmo, destacou que hoxe hai un 5% menos de pacientes por médico que en 2008, 149 médicos de familias e pediatras máis e 83 efectivos máis de persoal de enfermaría. “E temos máis ferramentas para os facultativos, como: a receita electrónica, que permitiu un aforro de máis de 3 millóns de consultas administrativas; as consultas telefónicas, que deron solución a máis de 5 millóns de consultas; e a historia clínica electrónica ou o informe dixital do 100% das probas en Atención Primaria”, engadiu.

“En definitiva, hoxe o persoal sanitario conta con máis medios que cando gobernaba o Bipartito. Iso si, con menos diñeiro, porque Galicia aínda ten 1.000 millóns de euros menos de orzamento que cando gobernaban”, dixo en alusión ao PSdeG e ao BNG.

Feijóo concluíu valorando o traballo de todos os profesionais da Sanidade pública galega e, moi especialmente, dos da Atención Primaria, e aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido coa Sanidade pública, cos servizos aos pacientes e co persoal sanitario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.