Feijóo, “noqueado” polo conflito do paridoiro de Verín

Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Política,PSOE

Feijóo, “noqueado” polo conflito do paridoiro de Verín

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialsita, Julio Torrado, comparou hoxe ao presidente da Xunta cun “boxeador noqueado” polo conflito desatado “pola súa decisión política” de pechar o paridoiro de Verín. No debate dunha iniciativa parlamentaria na Comisión de Sanidade para pedir a reapertura que o PP rexeitou, o responsable socialista criticou que “non resolveron” antes “porque non quixeron”.

“Vostedes só resolven cando se ven apertados”, dixo antes de afearlle ao presidente da Xunta que non afrontara a decisión “cando sabían que ía xubilarse o pediatra que había”. Denunciou que “coas mans libres pecharon o paridoiro de Verín, e por soberbia non foron quen de asumir que se equivocaron, e agora buscan escusas de calquera maneira para volver abrir o servizo, porque vostedes si que fan cálculos numéricos”.

Alertou de que “se de vostedes depende pecharán –o paridoiro de- Verín, e despois Valdeorras, e despois Monforte, Burela, Cee, Ribeira e O Salnés” porque “é unha decisión política” que non quixeron rectificar ata que non se viron desbordados. Resumiu que “se agora vai haber pediatras, que –puntualizou- nós queremos que haxa, é que non resolveron antes porque non quixeron, porque se lles viu a patiña e, como non mediron ben, agora toman a decisión política de revertelo”.

O responsable socialista advertiu que “se presumían de que non eran electoralistas ao pechar” o servizo, preguntou se a posible reapertura “será unha decisión esta vez si electoralista”. Continuou sinalando “que haxa pediatras cambia o número de partos?, ou é que polo feito de que vaia un pediatra van parir máis mulleres? É que hai nove meses planificaban ter máis nenos porque agora vai haber máis pediatras?”.

Torrado lembrou o rosario de “escusas” postas enriba da mesa pola Xunta para xustificar a súa decisión, que foron “primeiro o número de partos, despois a suposta falla de pericia dos profesionais e logo a ausencia de pediatras”. Continuou sinalando que “despois era unha decisión dos profesionais, aos que non dubidaron en enfrontar, dixeron que era inseguro e ata que poñía en risco a vida das nais”.

Logo destes “argumentos contraditorios”, dixo, “van intentar agora devolver o paridoiro de Verín” cando era “tan fácil como rectificar de primeiras” e concluíu criticando que “lles gusta ver que a xente sofre”.