Destacou hoxe a decisión do Consello da Xunta de render homenaxe ás vítimas falecidas polo coronavirus e as súas familias, para o que decretou loito oficial na Comunidade durante todo o mes de maio. “Cremos que é o momento de render unha homenaxe a todas as vítimas e de honralas como merecen”, aseverou, durante a rolda de prensa, incidindo en que este loito oficial representa o respecto a súa memoria e aos seus familiares.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao informe da Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia en Galicia e a situación do sistema sanitario galego de cara ao proceso de reactivación social e económica.
Nesta liña, o responsable da Administración autonómica afirmou que a Comunidade afronta un momento clave desta pandemia cuns indicadores epidemiolóxicos e cunha capacidade sanitaria que a sitúan nunha posición sólida: tanto en datos de ocupación de camas de críticos e agudos, como na disposición de equipos de reserva –UCI e respiradores-, na capacidade diagnóstica instalada nos laboratorios e na dispoñibilidade de stock de equipamento de protección sanitaria.
“Estamos preparados para iniciar a reactivación económica porque entendemos que cumprimos as condicións, pero non o podemos asegurar con certeza porque non sabemos aínda cales son as condicións que temos que cumprir para pasar á fase 1 do que Goberno central chama desescalada”, dixo, incidiu na necesidade de coñecer o baremo ou o punto de corte nos indicadores, para dar certezas.
“E tampouco hai datos obxectivos ou serolóxicos”, recordou, pedindo unha vez máis concreción e certezas. “Non podemos seguir sen concretar cales son os criterios fundamentais que se van aplicar; criterios obxectivos, constatables e contrastados, para pasar da fase da discrecionalidade á fase das certezas”, abundou.
Nova compra de test e material de protección sanitario
Unha semana máis, Feijóo destacou a aprobación no Consello dunha nova contratación, polo trámite de emerxencia, de diversos materiais de protección destinados a profesionais e doentes, medios de transporte para virus e test de detección de virus.
Esta nova compra para facer fronte á pandemia do COVID-19, conta cun importe de 1,6 millóns de euros para mercar, entre outro material: 3.200.000 unidades de batas protectoras; unhas 650 garrafas de 5 litros de solución desinfectante superficies; máis de 340.000 pares de luvas; 2.500 unidades de medios de transporte para virus; e 103.100 unidades de test de detección do virus.
Neste mesmo sentido, Feijóo referiuse tamén a unha nova adquisición de equipamentos electrónicos e informáticos, para subministrar materiais para que os profesionais do Sergas poidan traballar na casa; e para proporcionar infraestruturas TIC á reorganización e ampliación de espazos que se vai a producir nos centros sanitarios, na medida en que se vaia reprogramando a actividade.
Con esta partida mercaranse, por exemplo: 500 ordenadores portátiles, 300 pantallas de para ordenador, 300 teclados con lector chip, 500 lectores smart card, ademais de adaptadores USB, equipos de electrónica de comunicación e servidores.
Por último, o titular da Xunta resaltou tamén a aprobación polo trámite de emerxencia da subministración de materiais e outros consumibles para a realización de análises de mostras biolóxicas con potencial infección con coronavirus. Un material necesario para a colaboración do Laboratorio Sanidade Animal e Produción Animal (Lasapaga) da Consellería de Medio Rural nas actividades de diagnósticos do COVID-19.
Estado Alarma
Feijóo, avogou este xoves por non continuar ampliando a situación de estado de alarma, xa que no actual escenario de reactivación tamén “sería bo reactivar a Constitución”.
Ao termo da reunión semanal do Executivo autonómico, Núñez Feijóo insistiu en que “é evidente que estamos xa nun escenario no que sería bo que a Constitución volva ter a vixencia plena”, como lle piden ao Goberno central desde diferentes comunidades e partidos políticos.
“Todos os demócratas desexamos volver ter os dereitos e liberdades plenos que a Constitución nos outorga”, e, nese sentido, Núñez Feijóo non ve necesario continuar coa situación excepcional que marca o decreto de alarma.
Núñez Feijóo defendeu que, aínda sen a vixencia do estado de alarma, o Goberno central pode empregar outros mecanismos para coordinarse coas comunidades autónomas. “A ver se somos capaces entre todos de que o Goberno o entenda”, expresou.
Ademais, no caso galego, precísase do fin do estado de alarma para poder convocar as eleccións autonómicas que estaban fixadas para o pasado 5 de abril pero que se suspenderon como consecuencia da pandemia.
O decreto polo que se desconvocaron os comicios autonómicos indica que a “convocatoria das eleccións ao Parlamento galego activarase unha vez levantada a declaración do Estado de alarma e de emerxencia sanitaria”.
Núñez Feijóo foi preguntado a este respecto despois de que o lehendakari, Iñigo Urkullu, e os líderes dos partidos vascos citáronse o 14 de maio para analizar cando poderían celebrarse as eleccións autonómicas previstas para o pasado 5 de abril que tiveron que ser aprazadas pola pandemia.
O presidente da Xunta lembrou que no caso galego tamén existe “un compromiso cos partidos que se vai a cumprir” e desde o Goberno “reuniremos aos partidos para valorar e reflexionar sobre a mellor data e a data máis segura” para convocar aos galegos ás urnas.
Feijóo avanza o Plan de reactivación da cultura e o turismo cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.