Feijóo pide reservar un lugar preferente ao naval nos fondos europeos e que España garanta a competencia en igualdade con outros países a través de novas medidas de apoio

Avoga por prestar unha especial atención ao naval nos programas de apoio como o Fondo de Solvencia; unha medida demandada por todos os estaleiros galegos
Publicado por o día 04/12/2020 na sección de Galicia,Naval,Xunta de Galicia

Feijóo pide reservar un lugar preferente ao naval nos fondos europeos e que España garanta a competencia en igualdade con outros países a través de novas medidas de apoio

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe reservar un lugar preferente ao naval na asignación dos fondos europeos de recuperación, e que España garanta a competencia en igualdade de condicións que outros países europeos, activando novas medidas de apoio.

Durante o acto virtual de clausura da xunta xeral de accionistas de Pymar, Feijóo expuxo os compromisos que se deberían selar coa industria naval, porque “o sector -recordou- necesita un horizonte despexado, axilización e unha colaboración público-privada”.

Deste xeito, fixo fincapé en que o naval pode atopar nos fondos europeos de reconstrución unha oportunidade para acometer proxectos a gran escala e decisivos para garantir a competitividade. E subliñou que, do mesmo xeito que xa o están facendo outros países como Alemaña ou os Países Baixos, España debe apostar pola súa industria naval, con novos mecanismos de axuda que dean forza, pero, sobre todo, certezas e seguridade a unha industria estratéxica.

Sobre este punto, avogou por prestar unha especial atención ao naval nos programas de apoio como o Fondo de Solvencia. Unha medida, aseverou, demandada por todos os estaleiros galegos.

Así mesmo, trasladou a necesidade de dar resposta aos distintos escenarios que, neste momento, bloquean as expectativas do sector como: o dique cuberto para Navantia Ferrol, clave para avanzar na modernización do estaleiro; e a construción das Fragatas F-110, que garanten carga de traballo para as gradas de Ferrol nos vindeiros anos.

Ao respecto, Feijóo recordou que, desde 2018, a Xunta trasladou en numerosas ocasións a necesidade de garantir carga de traballo para Navantia, propoñendo incluso a contratación dun buque de aprovisionamento (AOR) ante o retraso das F-110. E referiuse tamén á situación que atravesa Barreras, pedindo á SEPI que apoie o plan de financiamento solicitado polo estaleiro.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que as actuais circunstancias impoñen un esforzo de traballo conxunto para definir un marco de futuro para o sector. E, no caso de Galicia, lembrou que a colaboración entre a Xunta e o naval fai que os estaleiros galegos sigan sendo actores principais da construción naval en España: con 21 buques asignados por un importe conxunto de 900 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.