Feijóo pide o voto para que desde o luns en Galicia si haxa estabilidade e non un bloqueo

O líder do PPdeG advirte que non hai que confiarse e destaca que é necesario votar e non dispersar os votos en candidaturas que quedarán fóra do Parlamento.
Publicado por o día 23/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,Partido Popular,Vigo

Feijóo pide o voto para que desde o luns en Galicia si haxa estabilidade e non un bloqueo

Fai un chamamento aos que noutras eleccións votaran por Ciudadanos ou polo PSOE e non estean de acordo cun goberno presidido polas Mareas de Podemos. A eses, dirixiuse dicíndolles que el será o presidente de todos eles.

 O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pechou esta noite a campaña electoral en Vigo pedindo o voto dos galegos o vindeiro domingo para que desde este mesmo luns en Galicia si haxa estabilidade e non un bloqueo, porque, como subliñou, non hai tempo que perder e Galicia merece ter catro anos máis de goberno responsable para levar a cabo todo o que queda por facer.

Segundo lembrou, durante estes anos difíciles os populares fixeron posible que se puidese crecer e crear emprego; cumprir coas obrigas contables e ao mesmo tempo investir cada vez máis; que se puidese confiar en Galicia para investir no naval, na automoción, na aeronáutica e no lácteo; que se puidese ter unha universidade máis accesible e coas taxas máis baixas; e que se puidese ter unha educación pública plurilingüe e máis ordenadores e máis profesores por alumno que o resto de España.

FALAMOS FACENDO

En definitiva, subliñou que nestes anos falouse facendo, axudando ás nais e pais máis que en ningures con axudas para os nacementos, para a conciliación e con máis prazas públicas de gardería que nunca; creando máis prazas públicas de residencia e de centros de día; renovando as infraestruturas e a tecnoloxía da sanidade pública; e eliminando e baixando impostos, como o das herdanzas, os impostos no rural ou o IRPF.

Como afirmou, agora pide que o próximo domingo se volva a facer xuntos e Galicia siga sendo esa excepción que xa foi estes anos. Neste senso, pediu non imitar bloqueos, non poñer barreiras, non frear, non enfrontarse, non dispersar as forzas e falar votando En Galicia si.

Deste xeito, apuntou que desde este mesmo luns en Galicia seguirá habendo responsabilidade na Xunta, seguirase traballando por todo o que as galegas e galegos teñen en común, sen estar nin un minuto en funcións. Como incidiu, en Galicia non hai tempo que perder, porque cómpre seguir crecendo e creando emprego de mellor calidade; seguir abrindo as oportunidades dos mozos para formarse, para traballar e para vivir; seguir apoiando ás familias galegas; seguir mellorando os servizos públicos; e ser a comunidade que máis apoia aos autónomos e emprendedores.

NON VOS CONFIEDES

O presidente do PPdeG pediu non confiarse e destacou que é necesario votar. Así, demandou non dispersar os votos en candidaturas que quedarán fóra do Parlamento e non caer tampouco en prexuízos para non unirnos se cremos que este proxecto está máis preto do que un defende que do que defenden os partidos aos que se votaron noutras eleccións.

Como indicou Feijóo, non importa o que se votara noutras eleccións, porque o que importa é o que podemos facer xuntos en Galicia a partir do domingo, anotando que a Galicia que propoñen os populares é a que non se bloquea, a que avanza, a que resolve xuntos.

Deste xeito, fixo un chamamento aos que noutras eleccións votaran por Ciudadanos ou polo PSOE e non estean de acordo cun goberno presidido polas Mareas de Podemos. A eses, dirixiuse dicíndolles que el será o presidente de todos eles e traballará para todos.

Para rematar, Feijóo afirmou que a xente xa o coñece polos máis de sete anos que deu o máximo de si mesmo no momento máis difícil para Galicia, coñecen o nivel de implicación e responsabilidade que se pode esperar del, saben medir a súa capacidade para afrontar e intentar resolver problemas, e tamén os problemas nos que non meterá a Galicia.