Feijóo presenta o programa Galicia 0-35 para “dar respostas útiles á xeración do Estatuto”

Entre as medidas están acadar unha ratio do 40% de cobertura en escolas infantís públicas e continuar coa Tarxeta Benvida
Publicado por o día 13/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,Partido Popular,Vigo

Feijóo presenta o programa Galicia 0-35 para “dar respostas útiles á xeración do Estatuto”

O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe en Vigo o Programa Galicia 0-35, unha iniciativa que quere “dar respostas útiles á xeración do Estatuto”. Entre as medidas que inclúe este programa figuran chegar ao 40 por cento de ratio de cobertura das escolas infantís públicas, continuar coa tarxeta Benvida e ampliala ata os tres anos da vida do bebé en caso de risco de pobreza ou exclusión e o programa A miña primeira experiencia laboral, unha bolsa de emprego para os mozos que veñan de rematar unha carreira universitaria ou un ciclo de FP. Feijóo indicou que “ofrecemos a este país un pacto interxeracional, que respecte os valores que sempre nos uniron”, ao tempo que avogou porque “Galicia siga sendo con máis intensidade o mellor lugar para formar unha familia”.

“A familia ten que ocupar un lugar central na política galega porque tamén o ocupa na vida das galegas e galegos”, afirmou Feijoo en Vigo, onde asegurou que o PPdeG “temos que ser o partido que máis se parece ás familias galegas: entendendo os seus valores compartidos, as preocupacións dos de mediana idade e os desexos dos máis novos.

RESPOSTAS ÁS NECESIDADES DAS FAMILIAS

Feijóo manifestou que o Programa Galicia 0-35 “responde ás necesidades das familias con fillos que precisan servizos de atención á infancia, para as que incrementamos un 76% o número de prazas públicas de gardería; aprobamos o Bono Concilia para as familias que non atopen praza na pública; lanzamos o Bono Coidado para dar cobertura ás necesidades puntuais de axuda no fogar; e subvencionamos a instalación de Casas Niño en 30 concellos do rural”. De cara á vindeira lexislatura, avanzou que  “imos consolidar todas estas medidas e chegar a unha ratio de cobertura das escolas infantís públicas do 40 por cento”.

Galicia 0-35 tamén incorpora axudas económicas para as familias que teñen fillos, como as deducións fiscais de 360 euros polo primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 por terceiro e sucesivos; ou a Tarxeta Benvida, que facilita 100 euros ao mes ás familias que teñan un fillo e que “imos continuar durante toda a lexislatura que vén, ampliándoa ata os tres anos da vida do bebé en caso de risco de pobreza ou exclusión”. Así mesmo, anunciou que “pediremos ao Goberno central que rebaixe o IVE dos cueiros e a inclusión dun fondo de cohesión demográfica no vindeiro Plan de Financiamento Autonómico”.

Entre as medidas dirixidas á conciliación da vida familiar e laboral, o Feijóo lembrou que “demos exemplo fomentando a flexibilidade de horarios e o teletraballo”, e avanzou que “responderemos ao debate sobre a racionalización de horarios incentivando ás empresas para que a apliquen, apoiándoas nos investimentos que teñan que realizar”.

EDUCACIÓN ORIENTADA Á EXCELENCIA

“Galicia 0-35 tamén da resposta ás nais e pais que queren que os seus cativos reciban unha educación libre, da máxima calidade, dixital, plurilingüe e orientada á excelencia”, manifestou o Presidente do PPdeG.

Para isto, apuntou que arredor do 80% dos colexios e institutos públicos e concertados participan dalgunha acción de fomento do plurilingüismo; e todas as aulas de 5º e 6º de primaria, ESO e bacharelato contan con equipamento dixital. Ademais, anunciou que “estenderemos o plurilingüismo á educación infantil e á FP, e afondaremos na dixitalización de contidos e implantar materias de programación e robótica”.

Respecto dos nenos que teñen necesidades especiais, salientou que “somos a comunidade autónoma máis inclusiva, onde nove de cada dez alumnos con necesidades educativas especiais comparten aula cos seus compañeiros”, polo que avanzou que “seguiremos adiante co Plan Xermola de prevención da obesidade, ademais de seguir educando os nenos galegos nos hábitos de vida saudables”.

O Programa Galicia 0-35 tamén vai dirixida aos mozos “que queren recibir unha formación profesional de primeira división e que lles sirva para atopar  un traballo”. Así, lembrou que “para eles creamos a FP básica e a FP a distancia, e o curso que vén haberá 544 prazas de FP Dual, un 45 por cento máis que o ano pasado”.

No ámbito universitario, este programa tamén “ofrece respostas ás familias que queren aforrar en taxas e en transporte metropolitano”. En concreto, salientou que Galicia é a comunidade autónoma coas taxas máis baixas e avanzou que “garantiremos que a universidade galega siga sendo a máis accesible de España durante unha lexislatura máis”. Como novidade, indicou que “recoñeceremos a excelencia dos nosos estudantes, concedendo un Bono-Premio á excelencia de 500 euros aos 10 mellores expedientes de cada curso de grao”.

OPORTUNIDADES DE EMPREGO

Feijóo manifestou que o Programa Galicia 0-35 tamén está dirixido “aos mozos que están a buscar oportunidades de emprego, tanto por conta propia como allea”. Ademais de subliñar que o desemprego xuvenil reduciuse máis dun 16 por cento durante o último ano, avanzou que “lanzaremos o programa A miña primeira experiencia laboral, unha bolsa de emprego para as mozas e mozos que veñan de rematar unha carreira universitaria ou un ciclo de FP”. “En Galicia non se paga nin un euro de cota durante o primeiro ano como autónomo, ao tempo que creamos unha das redes de aceleradoras máis potentes de España”, engadiu.

“Galicia 0-35 tamén responde ás persoas que queren abrir o seu propio negocio sen pensar en papelame, que queren axuda para empezar a traballar na explotación familiar ou para iniciar a súa carreira como patróns de barco”, sinalou o Presidente do PPdeG. En concreto, dixo que “temos axudas para iniciar a actividade agraria, simplificamos os trámites para abrir un negocio e, na vindeira lexislatura, reforzaremos a plataforma DoingBusiness para seguir eliminando barreiras”.

Por último, o programa aposta pola innovación, pola investigación e pola especialización dos campus, axudando a 2.500 científicos mozos ou mellorando a captación de talento nos campus galegos a través da súa especialización. “Para eles, ampliaremos o Programa Oportunius, que está traendo de volta a Galicia aos nosos mellores investigadores, desexados por universidades do mundo enteiro”, sinalou Feijóo.