Feijóo reivindica a cooperación leal Galicia-Norte de Portugal para afrontar retos futuros e seguir mellorando a vida dos veciños a ambos lados da raia con máis e mellores servizos e infraestruturas

Asevera que ambos territorios seguirán traballando en Europa para que o novo período orzamentario, que está nestes momentos en definición, manteña a cooperación territorial co peso que merece
Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

Feijóo reivindica a cooperación leal Galicia-Norte de Portugal para afrontar retos futuros e seguir mellorando a vida dos veciños a ambos lados da raia con máis e mellores servizos e infraestruturas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a cooperación leal Galicia-Norte de Portugal para afrontar os retos futuros e seguir mellorando a vida dos veciños a ambos lados da raia con máis e mellores servizos e infraestruturas. Para logralo, aseverou que ambos territorios seguirán traballando en Europa para que o novo período orzamentario, que está nestes momentos en definición, manteña a cooperación territorial co peso que merece.

Durante o acto de clausura da presentación dos resultados do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP), Feijóo falou do traballo feito pero tamén do moito que queda por facer, incidindo en que neste momento xa se está a preparar un novo Programa de investimentos conxuntos. “E seguimos defendendo xunto a comunidades do noroeste peninsular un Corredor Ferroviario Atlántico, ademais da necesidade de que se prolongue a actual liña de viaxeiros de altas prestacións que vai de Coruña a Vigo ata a Porto, e da execución da saída sur de Vigo prolongando a actual liña de alta velocidade” engadiu, referíndose tamén ao reto do envellecemento e a dispersión da poboación.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego incidiu en que máis alá da relación entre institucións, a cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal implica a todos os niveis da sociedade e tradúcese en beneficios concretos para os cidadáns a ambos lados da fronteira, como se pon de manifesto na execución do Poctep, un exemplo claro da solidez desta relación que xa é de terceira xeración.

“Estamos a falar de proxectos concretos, mesurables e útiles que implican o traballo e a confianza de empresas, administracións e institucións de todo tipo a un e outro lado da raia”, dixo, recordando que no período 2014-2020, contáronse xa con 131 millóns para iniciativas relacionadas co I+D+i, co fomento do emprego, coa protección do medio ambiente ou coa mellora da capacidade institucional das administracións e dos servizos que presta. E que benefician a axentes tan diversos como universidades, centros tecnolóxicos, empresas, parques naturais ou cámaras de comercio e administracións públicas.

Así, só na actual convocatoria 2014-2020, estanse a desenvolver 80 iniciativas que contribuirán a dinamizar a Eurorrexión como xa o fixeron outros proxectos máis alá dos Poctep, entre os que destacan: a interconexión dos servizos de emerxencia e a coordinación dos 112 a ambos lados; o programa de mobilidade universitario Iacobus; a cooperación en materia sanitaria, coordinando e facilitando o acceso a servizos especializados nos centros de referencia das comarcas fronteirizas; os avances e melloras no Camiño Portugués a Santiago; e a posta en marcha da estratexia Ris 3 Conxunta, a primeira presentada por unha eurorrexión.

O responsable do Executivo autonómico concluíu asegurando que ambos territorios seguirán traballando xuntos e dando continuidade a unha cooperación leal que antes iniciaron outros: como o presidente Fraga e Luís Braga da Cruz

Comentar noticia

Your email address will not be published.