Feijóo reivindica a resposta dada pola democracia a todos os desafíos dos últimos anos, que sempre foi constitucional, leal e proporcionada

Recalca que a Constitución de 1978 e o pobo que a referendou demostraron que serviu e sirve para o obxectivo para o que foi aprobada: garantir a convivencia democrática e o progreso en liberdade da sociedade española
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Xunta de Galicia

Feijóo reivindica a resposta dada pola democracia a todos os desafíos dos últimos anos, que sempre foi constitucional, leal e proporcionada

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe, durante a inauguración do XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España, a resposta dada pola democracia a todos os desafíos dos últimos anos, que sempre foi, salientou, constitucional, leal e proporcionada.

Durante o acto, Feijóo lembrou que en poucos anos España é escenario dun golpe de Estado militar, dun acoso terrorista indiscriminado, do peor atentado xihadista perpetrado en chan europeo, e dunha rebelión contra a Constitución cuxo epicentro está en políticos desleais do propio Estado. “E, ante semellantes probas a partícula copulativa nunca se transformou en disxuntiva. É dicir, España non pasou de estar rexida pola Seguridade e a Liberdade, a plantexarse unha seguridade sen liberdade ou cunha liberdade restrinxida”, precisou, incidindo en que a resposta a este “rosario de desafíos crueis” foi sempre “constitucional, legal, proporcionada e axeitada”.

Nesta liña, sinalou que o mérito da nosa democracia é aínda maior se o foco se sitúa na sociedade, “xa que a cidadanía española –recordou-, soubo diferenciar a norma da excepción, evitando xeneralizacións e fuxindo dos chivos expiatorios”. Deste xeito, nin o golpe do 23-F minguou a confianza no conxunto das Forzas Armadas, nin o terrorismo de ETA supuxo un rexeitamento ao pobo vasco, nin os atentados do 11-M desataron a islamofobia, nin tampouco a rebelión independentista provoca unha animadversión xeneralizada cara a España das autonomías.

“Non só as institucións fan gala da súa madurez, senón que tamén os españois responden cunha temperanza que non debemos cansarnos de encomiar”, abundou, subliñando que a Constitución de 1978 e o pobo que a referendou demostraron que serviu e sirve para o obxectivo para o que foi aprobada e que cumpriu nos últimos 40 anos: garantir a convivencia democrática e o progreso en liberdade da sociedade española. “Os profundos cambios que a nosa sociedade experimentou en todos os ámbitos durante este tempo así o certifican”, afirmou.

Dito isto, o presidente da Xunta sostivo que como toda obra humana, é posible reformala para mellorala. Aínda que para facelo, sinalou que o máis urxente -e con carácter previo a calquera outra consideración-, sería recuperar o clima de consenso que propiciou (fai 40 anos) que, por primeira vez na nosa historia, a Constitución fose de todos, e non só dunha parte da sociedade española que lla impoñía á outra.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención, salientando que Galicia é unha nacionalidade de síntese que creceu, madurou e progresou superando disxuntivas e sumando vontades. “Isto permitiunos ser un pobo libre e seguro, alleo a rupturas e empeñado en proxectarse ao conxunto de España, ao resto de Europa e ao mundo”, aseverou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.