Feijóo reivindica en Vigo o seu compromiso coa cidade na última década

Culpa á crise económica de non cumprir “todos os obxectivos que nos gustaría”
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Partido Popular,Política

Feijóo reivindica en Vigo o seu compromiso coa cidade na última década

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, estivo este luns en Vigo non para presentar o seu proxecto para o próximos catro anos, senón para reivindicar o compromiso do Goberno autonómico coa maior cidade de Galicia e facer balance dunha década de xestión que permitiu “que Vigo siga funcionando”.

“Son perfectamente consciente de que non puidemos cumprir todos os obxectivos que nos gustaría”, recoñeceu nunha repleta Estación Marítima Feijóo, quen culpou diso á crise económica na que se viron inmersas Galicia e España, a cal non impediu que o presidente senta “moi orgulloso” do conseguido en Vigo.

Segundo Feijóo, o que a Xunta fixo nesta década “merece a pena ser lembrado” porque é o que permitiu que “Vigo seguise sendo Vigo” e “funcionando a pesar da recesión”, algo que non se consegue “facendo roldas de prensa”.

“Unha cousa é a decoración e outra é a casa, e se non hai casa, non hai decoración”, dixo Feijóo, que defendeu así o seu labor para manter ou emprender proxectos duradeiros na cidade de Vigo fronte a outros “que duran semanas”.

Así, o presidente galego referiuse ás crises “herdadas” do naval, a automoción, a construción, o sistema financeiro ou a pesca, que, na súa opinión, Vigo superou, para non ser “unha cidade derrotada”, grazas a algunhas actuacións “que non ven” da Xunta.

Feijóo detívose en lembrar as crises do naval ou da automoción, aos que a Xunta inxectou 100 e 186 millóns de euros, respectivamente, para evitar o seu colapso e xerar emprego.

“Comprendo que ningún (destes millóns) vese. Imaxínense que collésemos eses 186 millóns, máis os cen millóns do naval, e convertésemolos en beirarrúas, urbanizacións ou axardinamentos. Seriamos a cidade con máis xardíns do mundo, aínda que con máis paro”, subliñou Feijóo.

O Vigo de 2009-2013 “daba medo” e converteuse en “un espectro” de non ser pola actuación da Xunta, que está a poñer chan industrial ao servizo das empresas na Plisan ou que evitou crise na cadea mar-industria, veu a dicir Feijóo, quen lembrou a ameaza que se cernía sobre Galicia polo posible expediente de sanción da UE por contaminación na ría.

“Se nos chegan a sancionar, o custo reputacional do sector pesqueiro quedaría comprometido durante décadas”, dixo o presidente, quen lembrou como se abordou o financiamento da “depuradora máis grande da fachada atlántica que se construíu nunca en España” e que hoxe é garantía da pesca e a calidade ambiental da ría.

“Preservamos o Vigo económico, o Vigo industrial, o que fai que todo o demais sexa posible. Ese foi o noso obxectivo durante a recesión e a crise económica. Ese foi o noso compromiso durante todos estes anos para que Vigo seguise funcionando e non se convertese nunha cidade como Detroit”, dixo Feijóo.

O presidente detívose noutras actuacións crave para o futuro de Vigo e a súa comarca, como foi a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, “o mellor hospital público que se fixo en España no século XXI”; ou a Cidade da Xustiza, na que a Xunta investiu 40 millóns de euros e que garante o bo funcionamento da Xustiza en Vigo para os próximos 50 anos.

O presidente foise detendo en cada un dos asuntos de actualidade da cidade olívica, moitos os cales supuxeron sonoros enfrontamentos coa administración local e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como é o caso da ampliación do Ifevi, de cuxo padroado posúe a Xunta o 89,7 por cento.

“O problema, o problema de sempre, é que Vigo non pode dar licenzas. E como non pode dar licenzas xa desde hai anos pola incapacidade para aprobar o Plan Xeral estamos nunha situación de máxima dificultade”, dixo Feijóo, quen lembrou que iso obriga á emisión de 22 informes por parte de Administración Xeral do Estado.

“En canto teñamos os informes licitaremos a obra, o que xa se fixo en caso de ter licenza directa. E é sorprendente que aínda encima a culpa tena quen está pagando o cento por cento ce a obra”, engadiu.

O presidente da Xunta lembrou a importancia do corredor do Morrazo para axudar a Vigo a converterse nunha capital de medio millón de persoas, a mesma importancia que ten o Plan de Transporte Metropolitano que consiste en facer descontos pagos nun 80 por cento pola Xunta e un 20 por cento por todos os concellos de Galicia menos o de Vigo.

Tamén lembrou que, fronte ao que adoita afearlle Caballero, as garderías públicas ofrecen hoxe 2.617 prazas fronte ás 963 que ofrecían cando el chegou ao poder, que a Xunta investiu 24 millóns a mellorar colexios ou que agora hai 430.000 horas de axudas ao fogar fronte ás 177.000 que había fai unha década.

Ao longo do seu discurso de case unha hora, Feijóo tivo tempo para reivindicar as actuacións da Xunta na última década en Vigo, cidade á que prometeu regresar cando empece a campaña electoral para presentar o proxecto do que pensa facer no próximos catro anos se os galegos volven darlle a súa confianza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.