Feijóo salienta que a nova Lei de Pesca Continental apostará por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza e pola remuda xeracional

Publicado por o día 28/12/2019 na sección de Galicia,Mar,Xunta de Galicia

Feijóo salienta que a nova Lei de Pesca Continental apostará por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza e pola remuda xeracional

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a nova Lei de Pesca Continental apostará por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza e pola remuda xeracional. “A norma ten tamén o obxectivo de dotarnos dunha boa planificación estratéxica de xestión, así como empregar a pesca como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social no medio rural”, explicou sobre esta lei, que substitúe á de 1992.

Durante a rolda de prensa do Consello, e en relación a “atraer xente moza aos ríos”, Feijóo avanzou a posta en marcha das Escolas de río, co fin de implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. “E os mozos de idade igual ou inferior a 14 anos poderán practicar pesca sen necesidade de licencia –sempre que estean acompañados por un adulto con licencia-”, engadiu, precisando ademais que, tanto os menores de idade que queiran solicitar licencia como os maiores de 65 quedarán exentos do pago de taxas.

Así mesmo, anunciou que a comezos de 2020 convocarase unha orde de axudas dirixida ás entidades colaboradoras de pesca fluvial para fomentar a riqueza piscícola, cunha achega para accións de vixilancia e actividades formativas e divulgativas. “Os pescadores están namorados do seu deporte e cremos que eles son os que mellor poden transmitir as vantaxes da pesca continental en Galicia”, valorou.

En relación ao fomento da pesca sustentable, o titular do Goberno galego aseverou que o obxectivo será aumentar a súa implantación. Para iso, poranse en marcha medidas como: actividades de promoción e divulgación de xeito preferente por parte de entidades colaboradoras de pesca; programas de formación específica dentro da Estratexia galega de educación ambiental; ou a limitación desta modalidade como a única permitida no caso dos escenarios deportivos, sociais e de formación creados pola lei.

Con respecto ao fomento da riqueza no rural, o texto incluirá unha nova clasificación para os máis de 14.000 quilómetros de ríos de certa entidade que permite establecer dúas novas categorías. Así, as augas pescables poderán ser libres ou de réxime especial; e, dentro das de réxime especial manterase a categoría de masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola e os coutos de pesca.

“E engádense ademais as categorías de escenarios deportivos, sociais e de formación; e de augas de pesca privada”, dixo, subliñando que, con esta última modalidade se permite o adestramento aos competidores, activando a economía da pesca nos períodos de veda e obtendo beneficio directo sobre as zonas rurais, uns permisos aos que poden optar as empresas turísticas.

Nesta liña, referiuse tamén a previsión da concesión de aproveitamentos piscícolas en tramos de ríos, encoros e lagoas, a empresas turísticas; á posibilidade de regular a reserva de permisos para fomentar esta actividade en augas pescables que se determinen; e a inclusión da especial protección e regulación para determinadas actividades tradicionais de pesca continental de carácter etnográfico, como as pesqueiras do río Ulla e as estacadas do Tea para a pesca da lamprea.

Por outra banda, cómpre salientar que ao abeiro da nova lei redactarase un Plan de ordenación da pesca continental, complementario cos actuais instrumentos de planificación desta actividade e que terá en conta moitos aspectos que xa recolle a propia norma: por exemplo, as repoboacións e soltas serán realizadas unicamente con especies autóctonas e contarán cunha planificación previa da Consellería de Medio Ambiente.

Sobre as especies exóticas invasoras, Feijóo resaltou que, por primeira vez, unha norma con rango de lei recollerá o sentido do marco normativo básico –estatal e comunitario- sobre a xestión destas especies, coa a posibilidade de adoptar medidas específicas de control e captura. E, no tocante ás artes e medios de pesca, engádese a prohibición do emprego de substancias ou aparellos paralizantes, tranquilizantes, atraentes ou repelentes de peixes.

Como novidade, introducirase tamén un sistema de autoguiado para o caso dos reos, no que o propio pescador será o que comunique á administración os datos dos reos capturados. Un sistema novidoso a nivel nacional, pero que xa se está a utilizar noutros países da Unión Europea.

Por último, e no eido das sancións, o novo texto propón unha reestruturación e simplificación das infraccións ao eliminar a categoría de menos grave, reubicando estas condutas entre as infraccións leves e as graves.

Comentar noticia

Your email address will not be published.