Feijóo salienta que a Xunta investiu máis de 100 M€ desde 2009 na mellora das infraestruturas de atención primaria

“As mellores infraestruturas que os gobernos poden tramitar, executar e pagar son as infraestruturas sanitarias”, destaca
Publicado por o día 08/01/2021 na sección de Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Feijóo salienta que a Xunta investiu máis de 100 M€ desde 2009 na mellora das infraestruturas de atención primaria

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Xunta leva investidos máis de 100 millóns de euros desde 2009 na mellora das infraestruturas de atención primaria, entre os 79 centros de saúde que xa están finalizados -6 nesta lexislatura- e os 12 que están en marcha.

“As mellores infraestruturas que os gobernos poden tramitar, executar e pagar son as infraestruturas sanitarias”, sinalou.

Durante unha visita ao novo centro de saúde do Milladoiro, en Ames, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Feijóo fixo fincapé en que o Goberno galego segue adiante co compromiso desta lexislatura de construír ou renovar 39 centros de saúde.

Así, detallou que nos últimos meses se puxeron en marcha 6 centros de saúde: O Milladoiro, A Estrada, O Pereiro de Aguiar, os dous reformados en Vigo (rúa Cuba e Coia) e o reformado en Cenlle; 9 están en construción ou reforma; e en 3 se están a facer melloras a través de convenio cos concellos.

Ademais, engadiu que os Orzamentos de 2021 identifican e inclúen 13 obras máis e o resto, ata os 39, están pendentes de convenio e cesión de terreos.

Por outra banda, lembrou que os Orzamentos deste ano reservan 4.500 millóns de euros para Sanidade, o que acredita que segue a ser a prioridade orzamentaria da Xunta. Entre as partidas, citou unha de 20 millóns para adaptacións de centros de saúde relacionadas coa atención á covid.

Novo centro de saúde do Milladoiro

En canto ao novo centro de saúde do Milladoiro, Feijóo dixo que “é modélico, probablemente non só en Galicia, senón en toda España”. “Vén para saldar unha débeda que tiñamos co Concello de Ames, un dos de maior crecemento poboacional”, engadiu, e aproveitou para felicitar aos seus veciños ao tratarse dun dos municipios con maior porcentaxe de natalidade; “o cal significaba que tiñamos que actuar dunha forma clara”.

A instalación conta cunha superficie de máis de 2.100 m2, que quintuplica a do centro de saúde actual -uns 400 m2-, cunha mellora da accesibilidade e cun esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, o que favorece a práctica asistencial e tamén o confort do persoal sanitario, que traballará en dúas quendas -mañá e tarde-.

O edificio, segundo detallou o titular do Goberno galego, está composto basicamente dunha planta e está estruturado en bloques: un para a área de muller e para a de pediatría; tres bloques para consultas de adultos, nas que se incorpora o novo servizo de odontoloxía; e un último bloque para o novo servizo de fisioterapia e rehabilitación.

“Son 2,6 millóns de euros de investimento”, destacou sobre un centro do que se beneficiarán 15.000 pacientes.

Ademais, sinalou que a Xunta vén de adxudicar a reforma do outro centro de saúde do concello, situado en Bertamiráns; e está reservado nos Orzamentos case 1 millón de euros para a ampliación do centro de saúde de Conxo, nunha obra conxunta coa reforma da unidade de saúde mental contigua.

Por último, Feijóo resaltou que a comarca de Santiago conta nos Orzamentos deste ano con outros 10 millóns de euros para investimentos sanitarios, centrados en reformas no CHUS: xa está adxudicada a reforma da unidade de ictus; vén de ser licitada a reforma do servizo de farmacia; e están previstos máis de 1,5 millóns de euros para a reforma da UCI. “E hai pouco puxemos en marcha a reforma integral e a duplicación da superficie das Urxencias”, destacou.

Así mesmo, anunciou que a Xunta está preto de validar a adxudicación por 2,2 millóns de euros para instalar no CHUS un equipo de ultrasonidos guiados por resonancia magnética, que converterá ao Sergas no primeiro servizo de saúde público de España con esta técnica. “E nos Orzamentos hai 4 millóns para iniciar a ampliación e reforma do Hospital”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.