Feijóo salienta que todo o orzamento da Xunta está á disposición da saúde e pide axilizar o cobro dos ERTE e as devolucións do IVE

Publicado por o día 06/04/2020 na sección de Coronavirus,Economía,Empresas,Galicia,Xunta de Galicia

Feijóo salienta que todo o orzamento da Xunta está á disposición da saúde e pide axilizar o cobro dos ERTE e as devolucións do IVE

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que todo o orzamento da Xunta está a disposición da saúde, “da saúde física da nosa xente –sanidade e servizos sociais-, en primeiro lugar e, en segundo lugar, da saúde do emprego e da economía”, precisou. “Seguiremos traballando co mesmo énfase, co obxectivo de acadar un equilibrio entre protexer a saúde das persoas máis vulnerables e facilitar, con todas as medidas de seguridade, a reactivación paulatina dos sectores económicos”, abundou, pedindo ademais ao Goberno de España que restitúa os fondos para o emprego retirados ás comunidades.

Durante a reunión co presidente do Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo considerou clave seguir cos test para detectar todos os casos posibles e darlles o diagnóstico certeiro no menor tempo posible. “Para nós é fundamental a realización de probas”, afirmou, incidindo en que un dos primeiros obxectivos da Comunidade segue a ser o de conseguir o maior número de test posibles.

Nesta liña, valorou a nova de que, entre hoxe e mañá, o Goberno central repartirá un millón de tests. “Esperamos recibir os 60.000 que nos corresponden aproximadamente por poboación”, asegurou, precisando que, se ben son test de apoio -non definitivos-, facilitarán a detección dos positivos dunha forma máis rápida.

Por outra banda, Feijóo reiterou a importancia de coñecer os estudos epidemiolóxicos validados polo Ministerio, así como a previsión da entrega de material sanitario por parte do Executivo central. Non en van, ata o de agora só o 10% do material empregado nas autonomías procede do Goberno central.

Protocolos claros

No tocante a unha posible recomendación aos cidadáns do uso de mascarillas, Feijóo interesouse por coñecer cal é a previsión do Goberno ao respecto, expoñendo a necesidade de ditar un protocolo para todo o país, co fin de contar cun criterio unificado. E transmitiu o interese de Galicia pola realización de estudos epidemiolóxicos en xente sa, mediante unhas ponderacións uniformes para todo o territorio; así como polo método a seguir para, ata que non exista unha vacina, axudar a cada cidadán a ter información e coñecemento do seu estado de saúde.

Así mesmo, insistiu na importancia de que establecer criterios unificados á hora de compartir os datos para non xerar confusións, de tal xeito que, ademais de comunicar os positivos, se comunique tamén o número de probas que se están a realizar para establecer unha mellor referencia.

Ante a decisión do Goberno de prolongar o estado de alarma, o responsable da Administración galega expresou o seu respecto e o apoio de Galicia a esta medida, ademais de confirmar que o decreto aprobado o 29 de marzo, e que diminuíu a actividade económica permitida, caducará o 12 de abril. Sobre este punto, resaltou a importancia de establecer un equilibrio entre a protección da saúde das persoas máis vulnerables e o inicio pautado, seguro e estable da actividade económica.

Feijóo aproveitou deste xeito a rolda de prensa para pedir a todas as empresas que volverán ao traballo a partir do 13 de abril e de acordo co decreto inicial do 14 de marzo, que o fagan extremando as medidas de seguridade, de hixiene e de preservación da saúde dos traballadores.

Medidas económicas

Logo de facer fincapé en que esta conferencia de presidentes ten que servir para estreitar lazos e reforzar o traballo conxunto, o titular da Xunta lamentou que o Goberno de España retirase de xeito unilateral ás comunidades os fondos das políticas de emprego. “Pedimos ao presidente do Goberno central que deixe esta decisión sen efecto”, dixo, referíndose, no caso de Galicia, aos 100 millóns de euros para políticas activas de emprego no eido do naval, da automoción ou do forestal, entre outros.

O responsable do Executivo galego pediu tamén que non se volva minorar o plan de vivenda que teñen asinado as comunidades, para financiar decisións do Goberno central, incidindo no esforzo que desde as comunidades autónomas se está a facer para seguir financiando o incremento exponencial do gasto sanitario, o incremento do gasto social e as políticas de liquidez.

Logo de valorar a nova das flexibilidades no fondo marítimo da pesca, Feijóo propuxo tamén ao Goberno central axilizar ao máximo o cobro dos ERTE por parte dos afectados, así como as devolucións do IVE de períodos anteriores á declaración do estado de alarma: do exercicio 2019 ou anteriores, e as correspondentes aos meses de xaneiro e febreiro de 2020. Sobre este segundo punto, subliñou que esta medida permitiría dar liquidez ás empresas galegas por un importe estimado de 400 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.