O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou esta mañá a unión e o consenso como ferramentas clave para loitar contra a violencia de xénero. Fíxoo, tras percorrer a distancia que separa o Monte do Gozo da praza do Obradoiro na andaina Camiño ao respecto celebrada con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
“Vimos de percorrer o camiño da unión e do compromiso coa erradicación da sen razón, do asasinato e dun machismo que é impropio” dixo á súa chegada á praza do Obradoiro. O titular do Goberno galego apelou ademais ao carácter simbólico desta peregrinación coa que se pretende visibilizar este problema e escenificar o rexeitamento fronte a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres, unha lacra que afecta a todas as sociedades sen distincións. “Galicia non ten nada que ver coa violencia de xénero e os galegos avergoñámonos dos homes que utilizan a sen razón para asasinar ou menosprezar as súas parellas” engadiu.
Nesa mesma liña, fixo referencia á necesidade de aceptar a existencia do problema como paso previo á denuncia e instou ás propias vítimas e a calquera que sexa testemuña destas condutas a denunciar sen medo. “Máis do 80% das mulleres que perderon a vida nos últimos anos non se atreveron a denunciar”, abundou.
Ademais, incidiu na necesidade de situarse do lado das vítimas, a través da solidariedade de toda a sociedade, pero tamén de instrumentos como un plan de atención ás vítimas, plans de vivendas concretos para as vítimas e os seus orfos, con medidas de reinserción laboral, atención psicolóxica permanente e defensa e representación nos procesos xudiciais. Unhas medidas que se reforzarán co desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Finalmente, Feijóo retomou a idea inicial e reivindicou a unidade como única forza capaz de acabar con esta lacra que “lamentablemente aínda segue presente na sociedade galega, na sociedade española, e na sociedade occidental”, dixo, ao tempo que matizou que cada vez hai maior conciencia social.
Noticias de última hora en Vigo