Durante un encontro en Narón, o líder dos populares galegos indicou que todas as enquisas acreditan que nin VOX nin Ciudadanos acadarán escanos en Galicia, o que suporá que eses votos sen escano poidan beneficiar a un Goberno de socialistas con nacionalistas e populistas. E recordou que nas pasadas Xerais 86.000 votos a estas formacións non obtiveron ningún senador nin deputado.
Por iso, Feijóo incidiu en que unir o voto no Partido Popular é a única alternativa preparada para gobernar fronte a un goberno de esquerdas: “A única alternativa real ao socialismo, ao populismo e ao independentismo é unir voto arredor do Partido Popular”. E é que, tal e como explicou, “se unimos os votos nunha alternativa, esta gañará as eleccións, pero se pola contra o PSOE, que non ten balance que presentar, se sae coa súa estratexia de dividir o voto, este terá algunha expectativa de ser a lista máis votada: “Só dividindo o voto, poderán vencer”. Así mesmo, Feijóo sinalou que o único responsable de bloquear tres veces España é Pedro Sánchez, polo que, segundo sinalou, “non pode pedirlle á xente confianza”, xa que el non a outorga.
Segundo sostivo, unir o voto no PP é a forma de que o día despois das eleccións se volva falar dos problemas da xente: “Agardo que a partir do 11 de novembro haxa un Goberno co que poder falar para resolver os problemas das Pontes, Alcoa, Navantia, o AVE e o diñeiro que se lle debe a Galicia”. Neste senso, referiuse ao “castigo” do Goberno socialista a Ferrolterra e amosou a súa preocupación porque a comarca “volva ter esperanza”. “Se, en época electoral, o PSOE se comporta con este desprezo cos intereses industriais dos galegos, que será no caso de catro anos no Goberno?”.
Noticias de última hora en Vigo