Feijóo subliña que o Bosque de Galicia dota Santiago do maior espazo verde con árbores autóctonas da Galicia atlántica

Resalta que esta nova actuación é un paso máis cara a culminar a Cidade da Cultura de Galicia “dunha forma digna, para que sexa unha infraestrutura útil e, pouco a pouco, pase a formar parte do patrimonio dos galegos”.
Por o 01/08/2018 | Sección: Galicia,Santiago,Xunta de Galicia
Feijóo subliña que o Bosque de Galicia dota Santiago do maior espazo verde con árbores autóctonas da Galicia atlántica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou esta mañá que o Bosque de Galicia dota Santiago do maior espazo verde con árbores autóctonas da Galicia atlántica. Coas súas 34 hectáreas, o bosque, que acaba de rematar a súa plantación, multiplica por seis a superficie que ten a alameda da capital galega.

Durante a visita ao Bosque de Galicia, Feijóo resaltou que esta nova actuación é un paso máis cara a finalizar a Cidade da Cultura “dunha forma digna, para que sexa unha infraestrutura útil e, pouco a pouco, pase a formar parte do patrimonio dos galegos”. Para acadar este fin, o Goberno galego optou por adaptarse ao novo contexto económico, distinto ao que había cando se proxectara, e descartar que quedase incompleta para sempre. Así, a Xunta decidiu adecuar á realidade a ambición inicial desta infraestrutura e “entregar aos galegos un Gaiás útil, digno e responsable”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta enumerou todas as actividades e servizos que achega a Cidade da Cultura: actividades lúdicas e culturais para todos os públicos; grandes mostras de arte, como a de Baldomero Pestana ou Galicia Universal; un espazo útil para os galegos máis innovadores, pois no Gaiás xa funcionan un centro de emprendemento e un polo tecnolóxico con compañías como Telefónica, Vodafone ou HP e un novo edificio, o Fontán, onde se situará o epicentro do Sistema Universitario de Galicia.

Feijóo aludiu tamén ao Plan de humanización do Gaiás, que conseguiu converter este monte no principal pulmón verde da capital da man dos máis recoñecidos arquitectos e paisaxistas de Galicia. Deseñáronse cinco espazos: o Xardín Literario, o Parque da Balea, o Parque do Lago, o Xardín do Teatro —que estará listo na primavera do 2019 e no cal non será necesario investir un euro máis, xa se está executando con fondos xa destinados á Cidade da Cultura— e, finalmente, o Bosque de Galicia.
No tocante á variedade da flora deste novo Bosque de Galicia, cómpre destacar que dentro das súas 12.000 árbores atópanse carballos, bidueiros, espiños, cerdeiras, érbedos, castiñeiros, faias, capudres e outras especies propias da nosa Comunidade.

Coa idea de que este bosque é patrimonio de todos, tamén se levou a cabo a súa plantación entre todos. Desde os traballadores do Seaga, que se encargaron do groso das tarefas, ata o propio presidente da Xunta, que tamén contribuíu plantando un bidueiro, foron moitos os galegos que fixeron a súa achega, como os membros da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual e as ducias de persoas que participaron na iniciativa Planta unha árbore no Bosque de Galicia.

A mellora das conexións era tamén unha materia pendente para que o proceso de transformación do complexo do Gaiás fose plena. Así, durante a segunda e última fase da execución do Bosque de Galicia, ampliouse ata os cinco quilómetros a lonxitude da rede de sendas que o atravesa e une a Cidade da Cultura co barrio de Sar e, no primeiro semestre do ano que vén, prevese que estea rematado o enlace coa AP-9.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.