Feijóo subliña que un de cada tres alumnos galegos de todos os niveis xa reciben unha educación plurilingüe

Salienta que o Sistema Universitario de Galicia ofrece, por primeira vez, catro graos en inglés: Enxeñaría informática na Coruña, Química en Santiago e as Enxeñarías en Tecnoloxías de Telecomunicacións e en Tecnoloxías Industriais en Vigo
Publicado por o día 02/10/2018 na sección de Educación

Feijóo subliña que un de cada tres alumnos galegos de todos os niveis xa reciben unha educación plurilingüe

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na clausura da Xornada de acollida e orientación de auxiliares de conversa de Galicia, que un de cada tres alumnos galegos de todos os niveis xa reciben unha educación plurilingüe.

Durante o acto, Feijóo incidiu en que cada vez son máis os centros que implantan este modelo para os seus alumnos de infantil, bacharelato e formación profesional; un camiño que está a tomar tamén o Sistema Universitario de Galicia, que este ano ofrece, por primeira vez, catro graos en inglés: Enxeñaría informática na Coruña, Química en Santiago e as Enxeñarías en Tecnoloxías de Telecomunicacións e en Tecnoloxías Industriais na Universidade de Vigo.

Ademais, para que os escolares galegos poidan certificar os avances que realizaron en aprendizaxe de linguas, o titular da Xunta salientou o convenio co Trinity College de Londres.

Ao respecto, precisou que máis do 80% dos estudantes de centros plurilingües que se presentaron, en xuño, ás probas dos niveis B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia aprobaron o exame.

Como proba da forte aposta polo ensino plurilingüe, Feijóo resaltou que hoxe son xa 100.000 os alumnos que reciben este tipo de ensino. E recordou que se hai dez anos había cero centros plurilingües, hoxe Galicia conta con 385; e con 617 auxiliares de conversa, unha cifra que converte á Comunidade na autonomía cunha mellor ratio de auxiliares por alumno.

“Máis de 600 auxiliares non só de inglés, senón tamén de alemán, francés, portugués, chinés e ruso”, abundou, reiterando o compromiso de que ao remate desta lexislatura chegarase aos 1.000 auxiliares de conversa.

Feijóo concluíu agradecendo, unha vez máis, o compromiso de todos os traballadores públicos da Administración educativa, a prol dun modelo educativo baseado na calidade na equidade e na excelencia. E, moi especialmente aos auxiliares de conversa, procedentes de 17 países de todo o mundo, e cuxa principal tarefa será contribuír á ensinanza de idiomas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.