Feijóo valora a disposición para abordar na comisión da AP-9 o futuro da peaxe entre Vigo e Redondela e incide na necesidade de impulsar sen novos custos de peaxe actuacións pendentes

Salienta que a ampliación da Ponte de Rande e a Autovía do Morrazo representan, conxuntamente, a maior transformación viaria desenvolvida nesta zona de Galicia nas últimas décadas, cun investimento superior aos 200 millóns de euros
Por o 30/12/2017 | Sección: Galicia,Moaña,Redondela,Vigo,Xunta de Galicia
Feijóo valora a disposición para abordar na comisión da AP-9 o futuro da peaxe entre Vigo e Redondela e incide na necesidade de impulsar sen novos custos de peaxe actuacións pendentes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a disposición do Goberno central para abordar na comisión conxunta sobre a AP-9 a imprescindible reflexión sobre o futuro da peaxe entre Vigo e Redondela, e incidiu na necesidade de impulsar sen novos custos en forma de peaxe actuacións pendentes na autoestrada, como son: a ampliación da avenida de Alfonso Molina; o nó de Bombeiros en Pontevedra; o enlace Orbital en Santiago de Compostela; e a necesaria remodelación do treito final da autoestrada na cidade de Vigo.

Durante a súa intervención, na inauguración das obras da ampliación da capaciade da AP-9 no tramo O Morrazo-Teis, xunto ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, Feijóo expresou así o convencemento de que “máis pronto que tarde artellaremos unha solución satisfactoria”, dixo.

Nesta liña, lembrou que esta comisión, creada hai un ano, permitiu pórlle fin en pouco tempo a unha situación gravosa que Galicia arrastraba desde 2006: a obriga de financiar con 7 millóns de euros anuais as subvencións das peaxes de Rande e A Barcala que se aplicaban nesta autoestrada estatal. “E desa forma, todos os galegos nos liberamos da obriga de destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión”, abundou, incidindo na necesidade de manter activo este foro para conseguir que esta autoestrada responda mellor ás demandas e intereses dos galegos.

Ao longo do acto, Feijóo aseverou que con esta ampliación da Ponte de Rande os galegos “afrontamos mellor preparados o futuro”, máis aínda se se ten en conta que, de forma paralela e coordinada, a Xunta está a construír neste mesmo entorno a Autovía do Morrazo, “outra infraestrutura agardada e demandada e tamén de gran complexidade técnica”. Dúas actuacións que conxuntamente superan en investimento os 200 millóns de euros e que representan a maior transformación viaria desenvolvida nesta zona de Galicia nas últimas décadas.

O titular do Executivo autonómico afirmou que ambas obras contribúen á cohesión territorial e ao dinamismo económico de Galicia; a afianzar a recuperación, nutrindo a vitalidade da gran cidade do sur galego e axudando a que os seus efectos se estendan ao longo de todo o eixo atlántico, grazas tamén á ampliación desta autoestrada en Compostela.

Feijóo concluíu destacando o compromiso do Goberno central con Galicia, reflectido na aposta por corrixir as históricas deficiencias desta terra en materia de infraestruturas: a ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago; a activación de todos os treitos da Autovía entre Lugo e Santiago; a posta en servizo do Eixe Atlántico ferroviario que permite salvar en pouco máis dunha hora a distancia entre Vigo e A Coruña; a defensa garantida da incorporación dos portos ao Corredor Atlántico de Mercadorías; e o compromiso coa finalización en 2019 das obras da liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e a Meseta.

O titular da Xunta quixo, ademais, agradecer o esforzo e traballo dos centenares de traballadores que executaron a ampliación da ponte de Rande. Unha ampliación, segundo recordou, planificada tempo atrás: decidida e acordada en canto ao seu deseño e forma de financiamento polo Goberno do presidente Zapatero, co seu ministro José Blanco; licitada e adxudicada en 2014 baixo a dirección da ministra de Fomento Ana Pastor; e executada e finalmente entregada baixo a dirección do ministro Íñigo de la Serna. “Quero agradecer a todos eles como presidente da Xunta a súa implicación, dedicación e determinación”, rematou.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.