Feixóo pide máscaras FFP2 e teletraballo cando non o aplica nos seus centros de traballo

CIG-Administración Autonómica ten preparadas denuncias pola falla de máscaras para o persoal
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de CIG,Coronavirus,Salud,Sanidad,Sindicatos

Feixóo pide máscaras FFP2 e teletraballo cando non o aplica nos seus centros de traballo

“En tan só 24 horas Feijoo dá no clavo. Na Xunta non aplica ningunha das medidas que predica: nin teletraballo nin máscaras FPP2”. Así reprocha a responsábel da CIG-Administración Autonómica as recentes declaracións do Presidente da Xunta nas que avanzaba a posibilidade de facer obrigatorias, en certos casos, a máscaras FPP2 e demandaba o teletraballo nas empresas nas que fose posible.

Nin teletraballo total en servizos sen atención ao público, nin quendas, nin grupos burbulla. Só algunhas unidades e consellerías están a aplicar, segundo Burgos, o teletraballo da covid “ante a ineptitude de Función Pública e do Consello da Xunta para activar o procedemento de autorización especial e obrigatorio do artigo 12 por razón da emerxencia sanitaria”.

A modo de exemplo Burgos sinala que a Consellería de Medio Rural ten teletraballo a quendas en servizos centrais pero en moitas xefaturas territoriais  mantén o persoal sen medidas preventivas, nin ventilación adecuada. “Isto é un suma e segue, xa que depende do/a responsable do centro e non é unha instrución para toda a Xunta. Máis de 10.000 empregados/as públicos/as poderiamos estar xa hoxe teletraballando a quendas e estamos a trasladarnos, en moitos casos en transportes colectivos e traballando ateigados mentres o Presidente pide teletraballo nas empresas”, afirma.

A Xunta ao xulgado pola falla de máscaras de FFP2

Zeltia Burgos lembra ademais que a CIG está a preparar varias denuncias no xulgado contra os responsables do Consorcio de Igualdade e Benestar e de Política Social por negarse a proporcionar as máscaras de FPP2 ao persoal que traballa con persoas usuarias sen máscara e non pode manter a distancia.

Lembra que tras as denuncias da CIG na Inspección de Traballo, a autoridade laboral requiríu á Xunta que proporcionara estas máscaras ao persoal para protexerse dos aerosois con máscaras bidireccionais. “Os bebés de cero a tres anos non levan máscaras e o persoal ten que proporcionarlles os coidados e o apego que precisan e as persoas maiores, nos momentos de aseo e comida, tampouco levan a máscara posta”, sinala e denuncia que “case un ano despois do comezo da pandemia o persoal de centros de día, residencias e escolas infantís segue sen máscaras de FFP2 recibindo mesmo ameazas cando as mercan as traballadoras por traelas da casa”.

Xunto a isto denuncia tamén que cando a autoridade laboral, en repetidas ocasións, instou a Consorcio e Consellería a proporcionar as FFP2 ao persoal, “sacaron da manga un informe do Comité Clínico no sentido de que non eran precisas e, polo tanto, non ían subministralas”.

Por iso denuncia a hipocrisía da administración cando agora, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo nunha comparecencia no Parlamento para dar conta das medidas promovidas fronte a terceira onda da pandemia “quere cinicamente desviar a súa responsabilidade cara Madrid pedindo que as máscaras FFP2 sexan de uso obrigatorio”.

Burgos pregúntase en que momento cambiou de criterio o “Comité Clínico” e cuestiónase se non será que ese comité clínico emite os informes que lles preparan para xustificar non gastar un duro na protección dos cadros de persoal. “Semella que se atreven a conculcar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde, con tal de non acometer o investimento en protección das/os traballadora/es. Para a CIG mostra unha vez máis unha actitude cínica e irresponsable, cando se nega a entregar máscaras ao seu persoal”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.