Feixóo ten que cesar a Almuíña para abrir unha nova etapa na sanidade pública como reclaman os profesionais

Insta á Xunta a liderar as negociacións para un novo emprazamento da fábrica de ENCE e rematar cos prexuízos a Galiza pola submisión centralista do PP e a Xunta
Publicado por o día 02/04/2019 na sección de BNG,Política

Feixóo ten que cesar a Almuíña para abrir unha nova etapa na sanidade pública como reclaman os profesionais

Trala Xunta de portavoces, a viceportavoz do BNG, Ollala Rodil avanzou que o BNG esixirá , no vindeiro pleno, o cese “inmediato” do conselleiro de sanidade como “primeiro paso para iniciar unha nova etapa” como reclaman os e as profesionais e a cidadanía ante os recortes e privatizacións do Partido popular.

A semana que ven, explicou Rodil  hai convocada unha folga na Atención Primaria, para os  días 9, 10 e 11 de abril e coincidindo co pleno no Parlamento galego o BNG defenderá un Plan para Atención Primaria dotado con 273 millóns de euros adicionais.


Rodil recalcou que a  Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que sufriu con  máis intensidade os recortes, a día de hoxe e respecto do ano 2009, conta con 188 millóns de euros menos nos Orzamentos. Esta política do Partido popular ten consecuencias moi negativas para todos os galegos e galegas  denunciadas de “maneira incansable” polo persoal entre as que destacou: “ A masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, listaxes de espera, de máis dunha semana

Feijóo, afirmou Rodil  ten que escoitar o que está a reclamar a sociedade galega e os profesionais da sanidade pública e rectificar, porque “só acerta cando rectifica”, sentenciou.

É necesario  blindar o dereito á sanidade e dende o BNG propoñemos medidas concretas como xa fixemos hai un ano cunha proposta para incrementar o orzamento de Atención Primaria e reverter os recortes. “O PP e Feixóo votaron en contra. Agora teñen a oportunidade de rectificar, deixar de negar a realidade e apoiar a proposta do BNG para dotar a sanidade de recursos suficientes”.

ENCE FORA DA RÍA DE PONTEVEDRA

Entre as iniciativas propostas polo BNG para seren debatidas no vindeiro pleno figura unha  Proposición non de lei para que a Xunta de Galiza lidere as negociacións sobre un  novo emprazamento da fábrica de ENCE.

“É bochornoso pero tamén sintomático a defensa que o Partido Popular, con Feixóo á cabeza está a facer da pasteira. Máis que presidente da Xunta Feijóo parece o conselleiro delegado de ENCE e ningunha empresa, tampouco ENCE, pode estar por riba da lei”.

A parlamentaria  asegurou que a  prórroga concedida polo Partido Popular en 2016 está chea de irregularidades e a Xunta ten a abriga de cumprir a Lei comezando polas Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación Litoral que prevé a saída de ENCE da ría de Pontevedra e  a recuperación deste espazo nunha Área de mellora ambiental e paisaxística.

A Xunta de Galiza debe defender os intereses deste país e non os intereses do consello de administración de ENCE, reiterou.

“A ningunha empresa lle regalan 600 mil metros cadrados de dominio público, a ningunha empresa lle permiten estar 115 anos nun lugar cando a lei di que o máximo son 75 e ningunha empresa recibe o agasallo de 6 M€ anuais en canón de saneamento”.

Temos unha oportunidade histórica para poñer fin á desfeita da ría e da contorna por iso o Goberno galego debe iniciar as xestións para un novo emprazamento á fábrica de ENCE e iniciar a rexeneración e restauración do espazo natural que pertence ao conxunto das galegas e galegos, “non a ningunha empresa”.

ENCE leva hipotecando e condicionando a Galiza demasiado tempo e coa conivencia “dunha política forestal pirómana” do Partido popular ao servizo da pasteira. Neste sentido, o BNG preguntará ao goberno polas consecuencias desa  política pirómana como as que vimos, dixo Rodil,  nas  últimas  semanas con incendios “inadmisibles”. No foco desa política incendiaría está a expansión da forestación con eucaliptos e que supera o  Plan Forestal de Galiza e vai en contra da normativa comunitaria, remarcou.

Finalmente, Rodil anunciou que o  BNG preguntará ao presidente da Xunta  sobre os prexuízos que está a causar a Galiza a submisión centralista do Partido popular e puxo como exemplos a propia ENCE e a falta dunha política industrial galega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.