A FEMP trasladará a Felipe VI un documento coas súas propostas para o futuro da Administración Local

Presencia na reforma constitucional, definición de competencias e financiamento local son as principais liñas adiantadas na audiencia real celebrada esta mañá. En verbas de Caballero, “atopamos a un monarca de 2018, moi involucrado e profundo coñecedor da realidade dos municipios”.
Por o 14/02/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
A FEMP trasladará a Felipe VI un documento coas súas propostas para o futuro da Administración Local

A FEMP recollerá nun documento as súas propostas para o futuro da Administración Local e llo trasladará ao Rei Felipe VI, respondendo así ao Monarca que, en verbas de Abel Caballero, “quere coñecer en detalle o noso plantexamento de futuro para os concellos na dimensión da nación española”. Así se concretou esta mañá no Palacio de la Zarzuela nunha audiencia real á Xunta de Goberno da Federación, un encontro no que os membros da FEMP poideron atopar, segundo resumiu Caballero, “a un monarca de 2018, moi involucrado e profundo coñecedor da realidade dos municipios”.

Na audiencia, coa que os representantes dos gobernos locais españois quixeron achegar ao Monarca o día a día dos concellos do noso país, Felipe VI puido coñecer de primeira man o papel vertebrador do territorio e de lexitimación da democracia e a política que xogan os gobernos locais, e tamén as súas aspiracións, que Caballero resumiu en tres grandes capítulos: estar incluídos na reforma constitucional, contar cunha definición clara de competencias e cun modelo de financiamento axeitado. “Queremos ser parte clave da nación”, asegurou en declaracións posteriores á audiencia.

Segundo o presidente da FEMP, “Felipe VI coñece e comparte a política da cercanía, comprende o papel de alcaldes e alcaldesas. E desde ese coñecemento, o Rei quere coñecer cal é o noso plantexamento de futuro. Ademais -concluíu Caballero- resaltámoslle que nós asumimos o noso papel de Estado, o noso papel de corporacións locais que vivimos nun Estado e nunha nación e queremos ser completamente parte dese Estado e desa nación. E así llo plantexamos”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.