Un ferido despois de colidir dous turismos en Ponteareas

Por o 06/02/2018 | Sección: Sucesos
Un ferido despois de colidir dous turismos en Ponteareas

Un choque entre dous turismos deixou esta madrugada unha persoa ferida na localidade pontevedresa de Ponteareas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso, ao fío das 01:00 horas, grazas á chamada dun particular. No seu relato indicaba que acababan de chocar dous turismos que circulaban pola A-52, en Arnoso, dirección Porriño, á altura do punto quilométrico 289 e unha persoa podía estar ferida de gravidade e atrapada no interior dun dos turismos.

Así, nada mais recibir a alerta, dende o 112 Galicia ademais de informar ao persoal sanitario e aos axentes de Tráfico, púxose en alerta aos  Bombeiros de Vigo,  Porriño e Ponteareas. Ata o lugar tamén se desprazaron os efectivos de Protección Civil de Porriño e do servizo de mantemento da estrada, tras ser requirida a súa intervención polo persoal do CIAE.

Finalmente, segundo comunicaron os efectivos de Protección Civil ao 112 Galicia, descartouse o uso do material de excarceración e a persoa foi trasladada ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, polo persoal do 061-Urxencias Sanitarias.