Fernán Vello na delegación convidada á cimeira de solidaridade con Venezuela que terá lugar en Caracas

Esta cimeira reunirá a delegados e delegadas dos cinco continentes. Miguel Anxo Fernán Vello participará nunha axustada axenda de mesas de traballo, percorridos, visitas e encontros con comunidades.
Publicado por o día 15/09/2017 na sección de En Marea,Política

Fernán Vello na delegación convidada á cimeira de solidaridade con Venezuela que terá lugar en Caracas

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, acude en calidade de representante de Anova á cimeira de Solidariedade: “Todos somos Venezuela” que terá lugar en Caracas entre o 16 e o 19 de setembro.

Miguel Anxo Fernán Vello forma parte da delegación do estado español convidada polo Goberno venezolano á Cimeira de Solidariedade con Venezuela que contará con delegados e delegadas dos cinco continentes.

O parlamentar de En Marea participará na axustada axenda de actos, actividades, mesas temáticas, percorridos, visitas, foros e encontros con comunidades para coñecer de primeira mán a situación real do pobo venezolano. Está previsto que o Presidente da República Bolivariana de Venezuela clausure a cimeira.

A delegación tamén manterá un encontro co Canciller nos días nos que se celebra este encontró de carácter mundial. Precisamente o Canciller, Jorge Arreaza Montserrat, mantivo o pasado 13 de setembro unha xunta co Ministro de Asuntos Exteriores do estado español, Alfonso Dastis, para abordar cuestións relativas á relación entre Venezuela e o estado español.

Parar a criminalización e tender pontes cara o diálogo

O parlamentar amosará a solidariedade e a fraternidade de Anova para que Venezuela siga a construir o seu propio futuro, manteña a súa soberanía, sen inxerencias externas nin campañas de acoso e derrube dun Goberno elexido democráticamente nas urnas. Especialmente, considera Fernán Vello necesario “tender pontes para que o diálogo sexa o instrumento dominante na resolución dos problemas que atinxen á República Bolivariana de Venezuela. O papel do estado español cos Gobernos do PP non foi responsábel neste sentido porque en lugar de contribuir a rebaixar o clima e a apelar ao diálogo como fixo o ex Presidente José Luis Rodríguez Zapatero, engadiu crispación e alimentou o conflito de xeito interesado”.

Para Fernán Vello “é preciso romper o muro da criminalización que se está a facer de Venezuela por parte dos poderes do estado español. É necesario quebrar a imaxe esperpéntica que se da de Venezuela e que non resposta á realidade, é preciso superar os vapores do odio que tan interesadamente emanan desde determinados sectores”.  O rol a xogar polo estado español debe ser “o da non inxerencia na soberanía de Venezuela e desde logo, o de contribuir á paz social e ao diálogo construtivo”.