Fernández Leiceaga: “Feijóo debe escoller entre asumir os intereses de Galicia ou as liñas vermellas da estrema dereita”

Por o 04/02/2019 | Sección: Política,PSOE
Fernández Leiceaga: “Feijóo debe escoller entre asumir os intereses de Galicia ou as liñas vermellas da estrema dereita”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, desafiou hoxe ao presidente da Xunta a definir a súa postura sobre a transferencia de competencias a Galicia. Sinalou que Feijóo “debe escoller entre asumir os intereses de Galicia ampliando o autogoberno dentro do marco constitucional e estatutario, como nacionalidade histórica, ou asume as liñas vermellas de Vox na súa liña de recentralizar competencias e mesmo eliminar ás comunidades autónomas”.

Criticou hoxe o “postureo autonomista sen contido” de Feijóo, a quen lle reclamou que “abandone o dobre xogo” que practica ao presentarse como “nacionalista” mentres o seu presidente provincial de A Coruña sinalaba esta fin de semana que o PP estaría disposto a pactar con Vox.

Fernández Leiceaga advertiu a contradición entre “o PP que di que non vai establecer cordóns sanitarios e o presidente da Xunta que quere chegar ás competencias de País Vasco e Cataluña”, e sinalou que o precedente andaluz indica que “o PP real é o de Diego Calvo”, perfectamente disposto a chegar a acordos coa estrema dereita, e non a cara autonomista que ofrece o presidente da Xunta.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que defenda unha “Galicia moderna, madura, responsable e plenamente constitucional, apoiando a ampliación do autogoberno que nós lle plantexamos”. A el lle corresponde decidir se defende ese modelo de país ou se quere “pactar con quen sexa, con tal de seguir no goberno”, mesmo coa estema dereita en contra do seu discurso pretendidamente autonomista e contradicindo o seu argumento a favor do goberno da lista máis votada.

Proposta

Os socialistas galegos daranlle a oportunidade ao presidente da Xunta de definirse por unha das dúas vías tanto no debate da proposición de Lei para reclamar a transferencia da competencia de Tráfico e da Política Autonómica, anunciada a finais de xaneiro, como dunha proposición non de Lei presentada hoxe para reclamar un primeiro paquete de 30 transferencias. Estas demandas parten da lista orixinal aprobada polo goberno de Touriño en 2005.

Fernández Leiceaga reclamou o “máximo apoio posible”, polo que se demostrou aberto a “retirar ou incluír” competencias adicionais co obxectivo final de acadar un acordo que o goberno galego poida presentar na Comisión Mixta de Transferencias. Subliñou a súa “flexibilidade”, pero advertiulle ao presidente da Xunta que “isto non vai de declaracións, vai de concrecións” e de fixar un programa para que xestione o goberno galego no dito órgano.

Os socialistas galegos reivindican, entre outras, as competencias en materia de inspección de traballo, Catastro, sanidade penitenciaria, Paradores de Turismo ou da AP-53, unha serie de propostas concretas que revisten un especial interese para Galicia ou ben xa están a ser xestionadas por outras autonomías, o que facilita o camiño para realizar a transferencia.

Instou ao presidente da Xunta a aproveitar un goberno “disposto a discutir melloras para o Estado das Autonomías” e ademais carece do xen centralista que demostrara o anterior goberno de Mariano Rajoy.

Comentar noticia

Your email address will not be published.