Fernández Leiceaga: “Feijóo deixa de lado a “estratexia de Galicia” para alinearse cunha “estratexia de partido moi perigosa””

Por o 11/02/2019 | Sección: Política,PSOE
Fernández Leiceaga: “Feijóo deixa de lado a “estratexia de Galicia” para alinearse cunha “estratexia de partido moi perigosa””

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de subordinar a súa acción política a unha “estratexia de partido moi perigosa”. Así o dixo logo de que Feijóo tivera “instrumentalizado á Xunta” para aprobar unha Declaración Institucional “mistificando a realidade” e contra o goberno central e subliñando a súa participación na manifestación celebrada onte en Madrid.

O responsable socialista apuntou ao regreso “inopinado” do presidente da Xunta da súa viaxe a Norteamérica          que “non tivo que ver con atender ás demandas da manifestación de onte en Compostela contra os recortes na sanidade”, pola ruptura das negociacións cos médicos ou para atender ao déficit de pediatras ou a falla de ambulancias medicalizadas. Sen embargo, dixo, a súa volta foi para participar na manifestación de Madrid.

Naquela convocatoria, dixo, o que fixo o presidente da Xunta foi “darlle carta de natureza a unha concepción de España, polos compañeiros de viaxe que teñen escollido, que “nega o Estado das Autonomías como unha realidade positiva, afástanos da UE e ponlle paus nas rodas ás políticas de convivencia e diálogo que intenta impulsar o goberno do Estado”.

Esta estratexia complétase, sinalou, coa decisión de utilizar ao Parlamento de Galicia como caixa de resonancia para atacar ao goberno central, como está a facer coas iniciativas que presenta o Grupo Popular, dirixidas a desviar a atención das deficiencias da xestión da Xunta para centrarse en atacar á Moncloa.

Explicou que os socialistas centrarán a súa estratexia política na “axenda galega” e no control á Xunta de Galicia e obrigar ao presidente da Xunta a que dea conta dos seus proxectos para esta Comunidade Autónoma. Aí radica, dixo, o motivo para traer o debate das competencias ao Parlamento de Galicia e que poida acadar o mesmo nivel que Euskadi e Cataluña, as outras dúas comunidades históricas.

O responsable socialista centrará o debate da sesión de control ao presidente precisamente no nivel competencial de Galicia, para que explique “cando e como cre que isto é posible”, logo de que aprazara o debate primeiro porque lle molestaba a Mariano Rajoy e agora porque lle molesta a Pablo Casado.

Comisión de Investigación

Os socialistas presentaron hoxe unha proposición de Lei para reformar o Regulamento do Parlamento e que permita salvar o bloqueo por parte do PP contra as comisións de investigación, mesmo as que son constituídas a iniciativa da oposición. Fernández Leiceaga lamentou que logo de que na lexislatura pasada se abrira a posibilidade de que os grupos minoritarios convocaran un órgano deste tipo por lexislatura, o PP decidiu de facto bloquear o seu Plan de Traballo.

Esta foi a estratexia escollida polo grupo maioritario para desactivar a Comisión de Investigación sobre os recortes na sanidade pública, e por iso o portavoz socialista impulsou unha nova reforma do Regulamento. Fernández Leiceaga reclamou unha cuota de comparecentes para que os grupos parlamentarios poidan evitar o bloqueo e a censura partidista e que impere a transparencia e o pluralismo.

Anunciou ademais que hoxe presentarán unha proposición non de Lei na defensa dos dereitos das Mulleres, para garantir o cumprimento en Galicia da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e que o PP poida votar a favor desta norma logo de que a directora xeral de Igualdade da Xunta se pronunciara no mesmo sentido. Fernández Leiceaga trasladou a súa preocupación polo anuncio do líder do PP de dar “marcha atrás” a esta norma.

Comentar noticia

Your email address will not be published.