Fernández-Tapias anima ao alumnado do Vigo Capacita VI a aproveitar a oportunidade formativa e laboral que se lles está a brindar

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo acudiu hoxe á inauguración dunha nova edición deste taller de emprego no que se formarán 20 persoas durante os próximos 9 meses en cociña e servizo de atención en restaurante
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inaugurou hoxe unha nova edición do obradoiro de emprego Vigo Capacita VI, organizado polo Concello de Vigo, e no aproveitou para por en valor as políticas de emprego do Goberno autonómico cun investimento que roza os 12 millóns de euros no conxunto da comarca viguesa.

O obxectivo, incidiu Fernández-Tapias é ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a decida aposta da Xunta por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial. Con estas iniciativas, dixo, “gañan todos; os participantes e as empresas da contorna”.

Asemade, a delegada incidiu na importancia da colaboración entre administracións, por canto se incrementan as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

Nesta mesma liña, Fernández-Tapias animou ao alumnado do Vigo Capacita VI, que durante os próximos 9 meses formará a 20 persoas en cociña e servizo de atención en restaurante, a aproveitar a oportunidade formativa e laboral que se lles está a brindar e que a Xunta financia con 347.000 euros.

Detallou así que a Consellería de Emprego e Igualdade destina 1,7 millóns de euros para impulsar 5 obradoiros duais na área territorial (Vigo, Redondela, Mos, Gondomar e Salvaterra) e 3 destinados a menores de 30 anos a través do programa de emprego para mozas e mozos (Vigo, Redondela e Mos).

En canto aos programas integrados de emprego, dixo, permitirán a celebración dun total de 15 iniciativas, das que 5 están dirixidas exclusivamente a mulleres, para incrementar a formación e as oportunidades laborais das persoas desempregadas nos municipios da área territorial cun investimento superior aos 4 millóns de euros.

Xa por último, fixo referencia aos preto de 5 millóns de euros que destina o Executivo autonómico ás unidades formativas para persoas desempregadas, 303 acciones que beneficiarán a un total de 4.525 alumnos e alumnas da área territorial viguesa.

No acto, celebrado no salón de actos do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, que acolle o taller formativo, tamén estivo presente o concelleiro do Concello de Vigo, Abel Losada.