Fernández-Tapias anuncia que a Xunta ten asinado o convenio para licitar a ampliación do IFEVI, pendente da expropiación dos terreos

A delegada territorial da Xunta en Vigo indica que as actuacións poderanse licitar de xeito inmediato unha vez que o Concello “poña a nosa disposición os terreos”
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias anuncia que a Xunta ten asinado o convenio para licitar a ampliación do IFEVI, pendente da expropiación dos terreos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinalou hoxe que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación xa firmaron o convenio que permitirá a Axencia Galega de Infraestruturas licitar e dirixir a obra, pendente da expropiación dos terreos por parte do Concello.

A representante autonómica se pronunciou nestes termos ao ser preguntada polos prazos desta intervención. Segundo indicou, unha vez aprobado o proxecto de ampliación no Consello da Xunta e para poder licitar as obras é preciso, por unha banda, firmar o devandito convenio e, por outra, executar a expropiación dos terreos.

“Nós estamos en disposición de licitar a obra de xeito inmediato unha vez que o Concello expropie e ceda os terreos a ocupar”, dixo, para insistir en que a disposición do solo é condición indispensable para poder levar a cabo a licitación.

“O alcalde garantiu en rolda de prensa que teremos os terreos e así esperamos que sexa, pero polo momento son solo anuncios mediáticos, ata que os poña a disposición non poderemos falar de prazos reais”, anotou.

Deste modo, lamentou a espera de oito meses polos informes do Goberno central (recibiu o último informe sectorial do Estado o pasado mes de outubro). Unha falta de dilixencia que contrapuxo á axilidade coa que respondeu a Xunta, que no mes de marzo xa tiña todos os informes que lle correspondían no marco das súas competencias.

Fernández-Tapias insistiu en que o Goberno galego traballou sempre co obxectivo de lograr a execución desta nova infraestrutura, “como ten feito ata agora e como quedou demostrado no pasado con outras actuacións”. Dito isto, esixiu axilidade nos trámites que quedan e agardou que todas as administracións se sumen ao espírito de colaboración que propón o Goberno galego.

A Xunta leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suman agora os 7,65 millóns de euros previstos pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para esta nova actuación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.