Fernández-Tapias cifra nunhas 1.500 as familias viguesas que se benefician da gratuidade das escolas infantís privadas e de iniciativa social para segundos fillos

Nunha visita á escola infantil Lúa a delegada territorial sinalou que a Xunta destina ao financiamento desta medida na cidade 4,6 millóns de euros neste 2021
Publicado por o día 23/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, cifrou nunhas 1.500 as familias viguesas que se están a beneficiar da gratuidade das escolas infantís de iniciativa social e privadas para os segundos fillos e sucesivos.

En concreto, dentro desta convocatoria destínanse a Vigo 4,6 millóns de euros para o funcionamento e a gratuidade nas escolas de iniciativa social e a gratuidade nas escolas infantís privadas. Trátase dunha partida que podería chegar aos 5,1 millóns e aos 1.650 nenos e nenas vigueses beneficiarios se o Concello estivera ao día no pago ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, xa que neste caso tamén se sufragaría a gratuidade para as escolas infantís municipais, lamentou a representante autonómica.

Durante unha visita a escola infantil Lúa, no polígono do Caramuxo, Fernández-Tapias fixo un chamamento ao alcalde ao respecto da batalla xudicial que mantén a conta do cofinanciamento pola xestión dos servizos esenciais que dependen do Consorcio, as escolas infantís e os centros de día, xa que “está a perder o tempo e a gastar recursos públicos”.

Sentenzas previas

A delegada territorial sinalou, neste sentido, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa avalou o modelo en dúas sentenzas relativas aos centros de día, datadas en febreiro e decembro do ano pasado. Nestes fallos desestímase o recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello de Vigo, obrigándolle a pagar as liquidacións por estes servizos.

Na sentenza máis recente (do 2 de decembro de 2020), o TSXG inclúe, ademais, un novo argumento que lembra que o Concello de Vigo está no Consorcio

voluntariamente, o que queda demostrado co feito de que firmou novos convenios relativos a outros servizos e programas do Consorcio na cidade, entre os que a delegada citou o Cemvi (Centro de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero) e o programa Xantar na Casa.

Neste sentido, Fernández-Tapias recoñeceu que o TSXG aínda non se pronunciou no relativo ao cofinanciamento das escolas infantís en Vigo, pero recordou que si o fixo en favor do Consorcio no caso do Concello de Cangas, que tampouco cumpría coas liquidacións correspondentes a este servizo.

Máis familias beneficiarias

Tras sinalar que o ente autonómico xestiona na cidade olívica dúas escolas infantís (na rúa Palencia e en Valadares) e tres centros de día (en Teis, Coia e Valadares), a delegada recordou que o novo réxime de cofinanciamento foi aprobado por unanimidade de todos os concellos, no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias, no 2016.

Xa para concluír, Fernández-Tapias reclamoulle ao rexidor vigués que pague as liquidacións correspondentes aos centros de día -as das escolas infantís as paga pese a que despois as recorre- para poder así beneficiar coa gratuidade para o segundo e sucesivos fillos a unhas 150 familias viguesas a maiores das que se beneficiarán a través das escolas de iniciativa social e as privadas.