Fernández-Tapias defende a mellor biblioteca do estado para Vigo e pide a Caballero que non abra outra vía de confrontación

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo non dubida que ao igual que o Executivo autonómico Caballero esixirá ao Ministerio de Cultura que recapacite
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias defende a mellor biblioteca do estado para Vigo e pide a Caballero que non abra outra vía de confrontación

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, non solo defendeu o apoio do Executivo autonómico para que a cidade entre a formar parte da rede de Bibliotecas do Estado, senón que reclamou para Vigo a mellor das construídas a mellor delas.

A representante autonómica pronunciouse nestes termos en resposta ao alcalde de Vigo quen afirmaba, tras coñecerse a intención do Goberno central de reducir a metade este proxecto cultural, que a Xunta faría todo o posible para que a cidade non tivera biblioteca. Para Fernández-Tapias esta afirmación de Caballero non ten sentido e convidouno a “non abrir outra vía de confrontación a conta da Biblioteca”.

Non dubida a delegada que ao igual que a Administración autonómica, o rexedor esixirá ao Ministerio de Cultura que recapacite. “Vigo merece unha biblioteca que estea á altura das cidades máis importantes de Galicia”, dixo.

Recordou que o plan de axuste sobre as necesidades trasladadas pola Xunta reduce o proxecto a metade, extremo que non daría resposta as necesidades existentes en Vigo, onde ademais coincide que non existe unha rede de bibliotecas municipais. “Son a penas 1.000 metros máis que a actual de Juan Compañel, que se atoa saturada”, aseverou, para insistir en que se precisan como mínimo 8.000 metros cadrados.

Con todo e pese a que dixo que a Xunta non se opón á parcela proposta polo Concello, lembrou que no seu día ofreceuse un edificio, o dos actuais xulgados de Vigo, de 12.000 metros cadrados para acoller a Biblioteca do Estado e que foi o Ministerio o que optou por unha infraestrutura de nova planta. “A aceptamos, pero sempre en cando a proposta do Ministerio satisfaga a demanda existente”, concluíu.

Axudas á hostalería

Por outra banda, Fernández-Tapias lamentou a falla de sensibilidade por parte do alcalde de Vigo tras anunciar hoxe que mobilizará 36 millóns de euros dos remanentes para mudar beirarrúas, tendo en conta a situación que están a vivir os sectores afectados pola crise sanitaria e, nomeadamente, a hostalería.

“Non nos opoñemos a que se invista en mellorar as rúas, pero entendemos que nestes intres o foco debería dirixirse aos sectores que peor o están a pasar”, sinalou.

A este respecto, lle recomendou ao alcalde que recapacite sobre cales deben ser agora as prioridades. Así, volveu a emprazar as administracións central, provincial e local unha maior implicación cos sectores afectados con apoios económicos directos que complementen aos máis de 84 millóns de euros reservados para este fin.

Inundacións Lagares

Xa por último, Fernández-Tapias fixo fincapé en que a nova inundación rexistrada este martes na contorna do río Lagares volve a evidenciar a necesidade perentoria de actuar na zona. Así, reprochou ao alcalde que con todas as familias e empresas que se ven afectadas por esta situación o alcalde se poña de perfil.

“Non parece de recibo que tras anos de intenso traballo a nivel técnico, agora que xa temos os anteproxectos redactados para acometer as obras se escude en que non se pode actuar ata que non estea en vigor o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”, subliñou a delegada.

“Estamos a falar de colaborar, un verbo que sabemos lle custa conxugar ao alcalde de Vigo, para levar a cabo un conxunto de obras cunha inversión da Xunta de 6,8 millóns de euros”, apuntou para insistir en que cada vez que a Xunta propón un proxecto o unha inversión pon problemas. “Ou é que non quere que invistamos? Si é así que o diga”, finalizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.