Fernández-Tapias destaca avances na ampliación de Navia ao concluír a tramitación ambiental do proxecto de urbanización

A delegada territorial en Vigo informa que o órgano ambiental determina que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario sometelo a avaliación de impacto ambiental ordinaria
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias destaca avances na ampliación de Navia ao concluír a tramitación ambiental do proxecto de urbanización

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe de que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) vén de formular o informe de impacto ambiental (IIA) correspondente ao proxecto de urbanización dos polígonos 1, 2 e 3 do Plan Parcial de San Paio de Navia, no Concello de Vigo.

Destacou así os avances no proxecto de ampliación do barrio que abrangue 265.000 metros cadrados para a construción de 1.600 vivendas protexidas, ademais de zonas verdes (23.000 metros cadrados), prazas de aparcamento (1.200) e 2,2 quilómetros de carril bici.

Segundo apuntou, logo de realizar unha avaliación ambiental simplificada da iniciativa, o órgano ambiental conclúe que non son previsibles efectos significativos da intervención sobre o medio ambiente e, polo tanto, tampouco se considera necesario sometela a avaliación de impacto ambiental ordinaria. Esto supón unha maior axilidade no avance do proxecto.

Polo tanto, agora corresponderalle continuar coa tramitación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo como promotor e órgano substantivo do proxecto.

O informe emitido pola DXCASCC pon fin á tramitación ambiental e permitirá seguir avanzando na execución da ampliación do barrio de San Paio de Navia, co inicio da comercialización das primeiras parcelas, de maneira que as empresas e cooperativas que se fagan cos terreos poderán arrancar definitivamente coa edificación das 1.600 vivendas públicas, anotou Fernández-Tapias.

A delegada sinalou que aos 265.000 metros cadrados quedan aínda por incorporar algo máis de 85.000 pola vía da expropiación que xa está en marcha. Unha adquisición para a que, dixo, se reservan 10 millóns de euros. De forma paralela, indicou, avanzarase no proceso de urbanización dos terreos, para acondicionar e facilitar a instalación de servizos básicos na zona.

Así, anunciou que esta previsto licitar este ano as obras de urbanización do coñecido como polígono 1, para dar paso á posta a disposición das parcelas para construír as vivendas. Unha fase á que se adicaran 8 millóns de euros dos preto de 40 millóns que a Xunta investirá no barrio de Navia.

Fernández-Tapias non perdeu ocasión de lamentar o atraso nesta ampliación para a que foi precisa unha modificación del plan parcial urbanístico que estivo parada preto de dous anos polo Goberno local de Vigo.

E neste contexto, a representante autonómica puxo en valor o esforzo inversor do Executivo galego en materia de vivenda pública na cidade de Vigo, para a que se reservan 12,5 millóns de euros para este 2021. Así, recordou que á partida de 8 millóns para a construción de 1.600 vivendas en Navia de promoción pública, se suman 3,8 millóns de euros para continuar co intenso labor de rehabilitación da Xunta no casco vello, que ve duplicado o seu investimento con respecto ao actual exercicio; e os 1,34 millóns que se destinan á construción das 62 vivendas de promoción pública que a Xunta está a finalizar nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas -a inversión en conxunto alcanza os 8,42 millóns de euros-.