A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe durante unha visita a Down Vigo o apoio do Goberno autonómico ás entidades que, nos seus respectivos ámbitos, “contribúen á loita pola igualdade de oportunidades”.
Así, a representante autonómica puxo en valor as liñas de axudas destinadas a apoiar o financiamento de ata trinta programas de carácter social, dos cales cinco corresponden a asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro da área territorial de Vigo, enfocados a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e loitar contra a violencia de xénero. Outros moitos correspóndense con entidades con sede nalgún dos municipios da área.
Segundo dixo, os apoios, cun importe total próximo aos 625.000 euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto da Renda de Persoas Físicas (IRPF), permitirán a posta en marcha de actuacións específicas dirixidas ás mulleres con discapacidade, ás residentes no ámbito rural e a mulleres transexuais, entre outras beneficiarias.
Preto do 28% das axudas concedidas diríxense a apoiar programas de educación e á promoción da saúde integral da muller, como é o caso da proposta de Down Vigo para a formación universitaria de mulleres coa síndrome de Down e diversidade intelectual para a mellora da súa capacitación e empregabilidade.
Constan na listaxe de beneficiarias Cáritas Diocesana, Cruz Vermella, Federación de Asociacións de persoas Xordas de Galicia, Asociación Española Contra el Cáncer, Cogami, ACCEM, Ecos do Sur, Médicos del Mundo, Fundación Ronsel, Fundación Anar, Fundación Secretariado Gitano, Asociación Mulleres en Igualdade de Burela, Agrupación de entidades Rurais Terra e Xente, Fademur-Galicia, Patronato Concepción
Arenal, Acción contra el Hambre, Radio ECCA, Red Española de entidades por el Empleo, Fundación Amigos de Galicia, Fundación Amigó, Fundación Juan Soñador, Igaxes, Apetamcor, Asociación de axuda ao enfermo mental da Mariña, Mestura, Arelas, Fundación Érguete-Integración, Down Vigo e Asociación Amicos.
Por outra banda, salientou o reforzo orzamentario na área de Igualdade para seguir loitando contra a violencia de xénero e en prol da igualdade, cunhas contas que crecen neste 2021 un 16,5% con respecto o ano pasado e ata alcanzar os 22,7 millóns. Destes, 7,5 pertencen ao Pacto do Estado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.