Fernández-Tapias exemplifica nas máscaras deportivas de Idawen Sports a capacidade de expansión dixital do téxtil da área de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe o taller da firma, beneficiaria dunha achega de preto de 32.000 euros para o desenvolvemento dunha nova liña de negocio derivada da covid-19 de deseño de máscaras para a práctica deportiva
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Galicia,Nigrán,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias exemplifica nas máscaras deportivas de Idawen Sports a capacidade de expansión dixital do téxtil da área de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe en Porto do Molle a empresa téxtil Idawen Sports co obxectivo de coñecer de primeira man a nova liña de negocio derivada da Covid-19 de deseño de máscaras para a práctica do deporte, que a compañía a posto en marcha ao abeiro do programa de Galicia Exporta Dixital.

Segundo explicaron os responsables de Idawen Sports, con sede no polígono de Porto do Molle no municipio nigranés, a evolución mundial da crise sanitaria levou á empresa a traballar no desenvolvemento de tecidos e novos compoñentes que mellorasen a eficiencia de filtrado e respirabilidade das máscaras deportivas, complementando así a liña xa comercializada de roupa, bolsos e accesorios. Un produto que, afirman, despertou grande interese nos mercados internacionais.

Neste sentido, a representante autonómica destacou o apoio da Xunta aos plans de expansión dixital das 57 pemes e microempresas da comarca viguesa que se beneficiaron na actual convocatoria do programa Galicia Exporta Digital, a nova liña de axudas reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19, e que no caso de Idawen Sports supuxo unha achega de preto de 32.000 euros.

Tras incidir en que o Goberno galego reforzou e adecuou o programa deste ano ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico, cifrou en en preto de 1,9 millóns de euros as axudas achegadas ás empresas da área de Vigo a través das dúas convocatorias do Galicia Exporta Dixital.

O obxectivo deste programa da Vicepresidencia económica é apoiar a expansión internacional das empresas galegas, especialmente de empresas con menos de 10 traballadores e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. A este respecto, a delegada puntualizou que das 57 beneficiarias na área de Vigo, 31 son microempresas.

Outras medidas de impulso á dixitalización

Cofinanciado polos fondos Feder, este programa complementa o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, aos que en conxunto en 2020 se destinan preto de 15 millóns de euros e cos que se espera apoiar a promoción no exterior de 1000 empresas.

Ademais, o Galicia Exporta Dixital completa as medidas aprobadas polo Goberno galego para impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica de Galicia. Estas iniciativas pretenden facilitar que poidan acometer os procesos de dixitalización máis axeitados que lles permitan reforzar a súa actividade e afondar na súa expansión internacional, tendo en conta de maneira especial o comercio de proximidade, o tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do teletraballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.