Fernández-Tapias pon en valor as propostas de Redondela, Mos e Soutomaior no marco da segunda edición de “o teu xacobeo”

A delegada territorial informa que a Xunta destina 22.490 euros a financiar estes proxectos promovidos polos concellos e destinados á dinamización do Ano Santo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a ampla oferta sociocultural e deportiva que no marco da segunda edición de “O Teu Xacobeo” vén de aprobar o Goberno galego para a promoción do Ano Santo, permitindo así o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego.

Unha iniciativa que se sustenta sobre as premisas básicas da implicación e a participación de toda a cidadanía na programación deste Xacobeo 2021-22, co obxectivo de que “sexan eles mesmos os que conten as súas historias e experiencias nos distintos roteiros do Camiño de Santiago”, apuntou a representante autonómica.

Así, na convocatoria deste ano establecéronse tres liñas de axudas que atenden á tipoloxía dos beneficiarios; a de concellos, mancomunidades, consorcios locais galegos e deputacións provinciais de Galicia, priorizando aos municipios de menos de 50.000 habitantes; a destinada a persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa; e unha terceira liña enfocada a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

No que atinxe á primeira das liñas, a delegada puxo en valor os 22.490 euros cos que o Executivo autonómico apoiará as propostas presentadas por Soutomaior “Pasiño a pasiño, Soutomaior no Camiño” que recibe 12.000 euros; por Redondela “Encontros no Camiño. O Cinema galego” con 6.049,76 euros; e Mos “Musicando” ao que se destinan 4.440,70 euros.

En canto aos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os dirixidos a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, proxectos dirixidos a

centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega. Mesmo hai unha actuación que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria.

Na selección valoráronse como criterios principais a pertinencia, calidade do contido e das actividades, comunicación e difusión, viabilidade e sustentabilidade. Así, avaliouse se se axusta aos obxectivos e prioridades da estratexia do Xacobeo 2021 especificada nas directrices aprobadas tanto polo Consello Xacobeo a nivel nacional como pola Comisión Organizadora do Xacobeo 21 en Galicia. Tamén se tivo en conta a súa implementación práctica ou en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados ao Ano Santo.

Éxito participativo

Tras recordar que no marco da primeira convocatoria están a levarse a cabo proxectos nuns 140 concellos da Comunidade, nesta ocasión exemplificou o éxito nas máis de 1.000 solicitudes rexistradas.

Fernández-Tapias sinalou que esta segunda edición do programa “O Teu Xacobeo” permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros. Tras a resolución da concesión, os beneficiarios acaban de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM