Fernández-Tapias reúnese con 30 asociacións veciñais de Vigo

Na anterior convocatoria 47 organizacións resultaron beneficiarias na área territorial de Vigo, ás que o Goberno galego destinou preto de 624.000 euros
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias reúnese con 30 asociacións veciñais de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe por videoconferencia con 30 asociacións veciñais da cidade ás que informou da apertura da convocatoria de subvencións dirixidas a financiar tanto obras nos locais sociais e instalacións comunitarias como á adquisición de equipamentos, así como a reparación de traídas de auga veciñais.

Un encontro que serviu para avaliar a situación derivada da pandemia xa que, tal e como puxo en valor Fernández-Tapias, as asociacións veciñais “son a mellor vía para canalizar as preocupacións dos nosos veciños e veciñas e facelas chegar á administración”. Por eso animoulles, pese a dificultade do contexto sanitario actual, a seguir traballando “por mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”. Neste obxectivo común, dixo, “nos teredes sempre do voso lado”.

Así, a delegada territorial reafirmou o compromiso inequívoco do Executivo autonómico por manter a colaboración e o diálogo constante con estas organizacións co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e contribuír a unha maior dinamización del movemento veciñal.

En canto a orden de axudas, Fernández-Tapias, quen recordou que teñen de prazo ata o vindeiro 22 de febreiro para presentar os respectivos proxectos, ofreceulles o seu apoio para resolver as dúbidas que lles puideran xurdir durante o proceso de presentación das solicitudes.

Solicitudes que, recordou, están dirixidas ás asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Deste modo, poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
A orde está dotada este ano novamente con 2,5 millóns de euros, cantidade que na anterior convocatoria permitiu chegar a 190 asociacións de toda Galicia. No que atinxe á área de Vigo, o número de entidades beneficiarias ascendeu a 47, ás que se destinou case 624.000 euros.

Ademais, nos últimos cinco anos, o investimento da Xunta acadou preto de 10,5 millóns de euros destinados a financiar 978 proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.