Fernández-Tapias sinala que o investimento de máis de 143M€ da Xunta en Vigo responde ás necesidades reais da cidade

Un exemplo da implicación do Executivo autonómico coa cidade”, dixo a delegada territorial en Vigo, con grandes e novos proxectos polos que aposta decididamente
Publicado por o día 23/11/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Fernández-Tapias sinala que o investimento de máis de 143M€ da Xunta en Vigo responde ás necesidades reais da cidade

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, detallou hoxe en Vigo uns orzamentos autonómicos centrados na reactivación económica e nas persoas, “pensados para ser útiles para familias e empresas”, dixo, cun reforzo importante en gasto social e emprego, e sen subidas de impostos.

Un esforzo investidor que ten o seu reflexo en Vigo, cunha inversión de 143 millóns de euros na cidade que, segundo defendeu Fernández-Tapias, responden aos compromisos do presidente da Xunta, Alberto Núñez-Feijoo, cos vigueses e viguesas.

“Un exemplo da implicación do Executivo autonómico coa cidade”, dixo a representante autonómica, con grandes e novos proxectos polos que aposta decididamente o Goberno galego para a cidade olívica.

Apóstase así por proxectos fundamentais para Vigo como o son a ampliación do Ifevi, con máis de 7,6 millóns de euros, e o impulso definitivo á ETEA, con 3,7 millóns de euros para o desenvolvemento do Campus do Mar, 1,6 millóns para o novo pavillón para a práctica deportiva de actividades sobre rodas ou a residencia de maiores con 15 millóns de euros. Hoxe mesmo publícase no DOG a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-6.

Partidas moi importantes que amosan o compromiso da Xunta co crecemento económico e social da cidade, como puxo de relevo a delegada territorial, e que dan continuidade orzamentaria a proxectos xa en execución como a Cidade da Xustiza (9,4 millóns de euros); a Estación Intermodal (10,2 millóns de euros); as obras de urbanización da ampliación do Polígono de Navia (8 millóns de euros); o Centro de Saúde de Bouzas (1 millón de euros) ou o Albergue de Peregrinos (200.000 euros).

Uns orzamentos que, subliñou, teñen moi en conta ás persoas e que exemplificou no crecemento das partidas destinadas a políticas sociais, que volven a incrementarse un ano máis, chegando a superar os 61 millóns de euros. Un esforzo que permitirá, dixo, a construción dunha nova residencia de maiores con 150 prazas, converter a actual estación de autobuses nun Centro Interxeneracional e a creación dunha nova escola infantil na Cidade da Xustiza, unha vez queden rematadas as obras.

Contemplan asemade, melloras nas infraestruturas das escolas infantís, máis prazas en residencias e centros de día de discapacidade así como nas residencias de maiores, melloras nas instalacións da residencia de Altamar e varias liñas de axudas aos colectivos máis vulnerables.

Especial fincapé fixo Fernández-Tapias nas inversións en materia sanitaria que engloban os 5,5 millóns de euros para a climatización do Meixoeiro, os 2,7 millóns para reformas en distintas unidades do Álvaro Cunqueiro ou os 3,1 millóns que se dedicarán á compra de equipamento electromédico. En total, 11 millóns de euros destinados a melloras nos hospitais de Vigo, aos que hai que sumar os 2 millóns de euros reservados para o Centro de Saúde de Bouzas e o novo CIS Olimpia Valencia.

En materia de vivenda, a delegada afirmou que os orzamentos da Xunta para o 2021 apostan por un importante investimento que supera os 12,5 millóns de euros e que inclúe, entre outras partidas, 8 millóns para a construción de 1.600 vivendas en Navia de promoción pública; 3,8 millóns de euros para continuar co intenso labor de rehabilitación da Xunta no casco vello, que ve duplicado o seu investimento con respecto ao actual exercicio; e os 1,34 millóns que se destinan á construción das 62 vivendas de promoción pública que a Xunta está a finalizar nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas -a inversión en conxunto alcanza os 8,42 millóns de euros-.

Outras actuacións ás que fixo referencia Marta Fernández-Tapias foron os 1,5 millóns reservados para o transporte metropolitano; o millón de euros que investirá a Consellería de Medio Rural nos montes de Vigo, en cumprimento do convenio firmado coa mancomunidade de montes; a mellora do saneamento de Teis con 500.000 euros; o plan específico para a xestión das inundacións do Lagares con 310.000 euros; e melloras na mobilidade e seguridade viaria das estradas de titularidade autonómica ás que se destinan máis dun millón de euros.

Xa en materia educativa, dan continuidade, aseverou, á reforma iniciada do Instituto do Santa Irene con 600.000 euros, á ampliación dos talleres do CIFP Manuel Antonio con 300.000 euros e á ampliación do Valentín Paz Andrade con 50.000. Asemade, resérvase unha partida de 50.000 euros para nova sede do CGAC en Vigo.

En definitiva, resumiu a representante autonómica, “afrontamos un 2021 cuns orzamentos que crecen para facer fronte aos retos que están por vir”, derivados especialmente da crise sanitaria. Unhas contas comprometidas coa cidade e cos veciños e veciñas de Vigo, nun momento no que “debemos sumar esforzos para a reactivación económica e social de Galicia”, concluíu.