Fernando González, ‘Gonzo’: “Deixei de crer nos grandes medios para crer cada vez máis nos xornalistas”

Nunha conversa con Rafa Cabeleira abordou os seus inicios na profesión e as problemáticas que enfronta
Publicado por o día 26/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

Fernando González, ‘Gonzo’: “Deixei de crer nos grandes medios para crer cada vez máis nos xornalistas”

Presente, pasado e futuro do xornalismo en España centraron este venres o coloquio que, no marco do ciclo Conversas na UVigo, mantiveron na Casa das Campás o xornalista Fernando González, Gonzo, e o columnista do Diario de Pontevedra Rafa Cabeleira. Un coloquio no que o xornalista de El Intermediolembrou tanto o papel xogado polos medios na transición como os efectos que nesta tivo a crise económica, nuns anos “nos que o xornalismo deixou de ser un contrapoder e pasou a ser un cuarto poder”. Nese senso, Gonzo recoñeceu que “parte da sociedade deuse conta de que o xornalismo tamén é poder”, e polo tanto “xa non compra o que contan certos medios”, mais lanzou tamén unha mensaxe optimista respecto do futuro dunha profesión “cada vez máis necesaria”.

“Deixei de crer nos grandes medios para crer cada vez máis nos xornalistas”, salientou González neste faladoiro inserido no ciclo que a Vicerreitoría do campus promove xunto co Diario de Pontevedra e que iniciou abordando os seus comezos nunha profesión á que, recoñeceu, “cheguei por vocación”. O xornalista vigués salientou nesta conversa a súa afección desde neno por contar historias, pero tamén que “cando chega o momento de decidir que facer na vida eu non quería facer nada”. Tras estar a piques de matricularse en Filoloxía Galega, Gonzo remata estudando xornalismo na Universidad Pontificia de Salamanca, para iniciar logo unha traxectoria profesional que o levaría por Radio Nacional ou TVE antes de converterse en reporteiro do programa Caiga quien caiga.

Dos referentes do pasado a ilusión do futuro

Gonzo quixo poñer en valor tamén “o mérito” daqueles e aquelas profesionais da súa xeración, “capaces de manterse nunha profesión mal pagada, na que ás veces tes que baixar a cabeza e dicir amén”, e sinalou á precariedade como un dos “máximos problemas que ten a liberdade de expresión”. Nese senso, o protagonista deste faladoiro contrapuxo a situación actual dos medios á que se viviu en España na época da transición, “na que os medios eran tamén o reflexo dunha sociedade ilusionada”, con profesionais “que cinco anos antes non podían dicir o que querían dentro da facultade e agora púñanlles un micro diante e escoitábaos toda España”

Os medios de comunicación “foron vitais na construción desta España democrática”, sinalou Gonzo, para contrapor aquel momento no que se ben “os medios tradicionais seguen tendo o seu pequeno mercado”, estase a vivir tamén un “cambio de paradigma” que lle leva a mirar cara o futuro con “ilusión”. Nese senso, incidiu en que os cambios tecnolóxicos e de modos consumo de información que se están a vivir na sociedade actual non supoñen unha “crise, senón unha oportunidade”, xa que, “agora temos máis elementos que nunca para chegar á xente”.

“A necesidade de contar cousas sempre vai existir, e tamén a necesidade da xente de saber que está a pasar do outro lado do mundo”, engadiu Gonzo, quen abordou tamén o seu traballo en El Intermedio, lembrando como casos como os dos papeis de Bárcenas supuxeron un punto de inflexión para un programa con máis de 2 millóns de espectadores, no que, sinalou, “algo estamos facendo ben cando incomodamos a tanta xente”.

Unha cita mensual

Coa excepción desta sesión, na que esta conversa se trasladou ao venres, os últimos martes de cada mes soen ser a data habitual desta cita mensual que, por terceiro ano, promoven a Vicerreitoría do campus e o Diario de Pontevedra. Así, no presente curso Conversas na UVigo arrincou no mes de outubro co coloquio que a escritora Ledicia Costas mantivo con Ramón Rozas, continuado ao mes seguinte cun faladoiro entre o párroco Javier Porro e o columnista Rodrigo Cota. Xa neste 2018, sumáronse a este ciclo as conversas entre María Varela e a xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Carolina Neira e o músico Gonzalo Maceira.